INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Apoiamos as reivindicacións da plataforma Tren Digno a favor da estación intermodal que Ourense precisa

O PSDEG-PSOE SECUNDA AS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA ‘TREN DIGNO’ E POSICIÓNASE A FAVOR DUN PACTO DE CIDADE PARA CONSEGUIR “A ESTACIÓN INTERMODAL QUE OURENSE PRECISA”

Os socialistas lamentan o descoñecemento de Jácome en materia ferroviaria e consideran “intolerable” que o alcalde estea “ausente” no proxecto máis relevante do século para a cidade de Ourense

Dende o PSdeG-PSOE fan un chamamento a todos os grupos para facer unha fronte común con colectivos que avogan pola defensa dunha intermodal digna

Ourense, 18 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de manter unha xuntanza de traballo con representantes da Plataforma ‘Tren Digno’, ­ co obxectivo de reunir achegas para reclamar melloras no proxecto da nova estación intermodal ao Goberno e á Xunta de Galicia. A reunión enmárcase na rolda de contactos sobre a chegada do AVE iniciada a semana pasada cun primeiro encontro no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

Tras coñecer as propostas do colectivo ‘Tren Digno’, os socialistas amosaron a súa predisposición a apoialas, ao tempo que se posicionaron a favor dun pacto de cidade para conseguir “a estación intermodal que Ourense precisa”, e que, lamentan, “o alcalde non está a defender”. Neste sentido, os socialistas censuran o descoñecemento de Jácome en materia ferroviaria e consideran “intolerable” que o alcalde estea “ausente” na defensa do proxecto máis relevante do século para a cidade de Ourense, ao tempo que defenden que “aínda estamos a tempo de acadar unha mellor estación intermodal”.

Entre as demandas da plataforma Tren Digno figuran a “paralización” do proxecto de ampliación da actual estación intermodal e a súa substitución por un deseño “digno e de calidade”. Ademais, inciden en que a “simple ampliación” da actual estación non resolve os problemas existentes, senón que os “agrava” e “dinamita o futuro da cidade” ao crear un “muro da vergoña” de nove metros de alto ao longo da avenida de Marín.

Natalia González e Rafa Villarino con representantes da Plataforma Tren Digno

Por outra banda, aseguran que o actual proxecto non promove a permeabilidade dos barrios da Ponte e do Vinteún nin dota a cidade de espazos públicos ou equipamentos, entre outros problemas, e advirten das súas sospeitas a respecto dos terreos baleiros na zona norte, que temen que se empreguen para “especulación inmobiliaria ou doutro tipo”, en prexuízo da cidadanía.

Os socialistas secundan as reivindicacións da plataforma Tren Digno e fan un chamamento á mobilización de todos os colectivos que avogan pola defensa dunha intermodal de calidade.