Deputación de Ourense INICIATIVAS

O PSdeG-PSOE impulsa o premio Olimpia Valencia para recoñecer ás mulleres da provincia de Ourense

O PSDEG-PSOE IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA O RECOÑECEMENTO PÚBLICO DAS MULLERES DA PROVINCIA DE OURENSE COA CREACIÓN DO PREMIO OLIMPIA VALENCIA

Tamén insta a “conceder o primeiro premio a todas as mulleres do ámbito da sanidade e os servizos sociais que están na primeira liña, para defendernos da pandemia, na persoa que cada colectivo designe”

Elvira Lama explicou que a Deputación ten varios premios pero ningún con nome de muller que recoñeza o seu traballo: “sobre as mulleres recaen a meirande parte dos traballos cando hai algunha crise”

Ourense, 18 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE impulsa unha iniciativa para o recoñecemento público das mulleres da Ourense, mediante a creación do premio Olimpia Valencia, co gallo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Unha moción que se debaterá no pleno da Deputación Provincial o próximo 26 de febreiro, propón a creación deste premio para “o recoñecemento anual da labor de mulleres que destaquen na defensa da igualdade e dos seus dereitos”.

O texto igualmente insta a “conceder o primeiro premio a todas as mulleres do ámbito da sanidade e dos servizos sociais que están na primeira liña para defendernos da pandemia, na persoa que cada colectivo designe”. Así mesmo, tamén reclama facer unha homenaxe pública de recoñecemento ás mulleres premiadas cada ano, co fin de “dar visibilidade a súa labor e a súa contribución ao desenvolvemento da provincia de Ourense, en canto a situación de emerxencia sanitaria o permita”.

A vicevoceira dos socialistas, Elvira Lama, explicou hoxe que a iniciativa “trata de recoñecer o traballo das mulleres en favor da igualdade e dos seus dereitos”, porque “sobre as mulleres recaen a meirande parte dos traballos cando hai algunha crise sanitaria, social ou económica”. “Na Deputación de Ourense existen numerosos premios de recoñecemento a personalidades, pero non existe ningún co nome dunha muller que recoñeza o papel das mulleres e a defensa dos seus intereses e do seu traballo”, destacou.

“Neste ano tan complicado para todos e todas, os socialistas pensamos que un dos sectores que debemos recoñecer e poñer en valor é o ámbito da sanidade e dos servizos públicos”, dixo a vicevoceira, porque “as mulleres estamos sempre en primeira liña”. Así destacou ás sanitarias, ás mulleres que traballan nos servizos sociais, nos servizos de axuda a domicilio ou nos coidados a maiores, menores e dependentes”.

Elvira Lama, Marga Pérez, Susana Rodríguez, Nacho Gómez e Diego Férnández durante a presentación da moción
Elvira Lama, Marga Pérez, Susana Rodríguez, Nacho Gómez e Diego Fernández

Lama insistiu na “necesidade” deste recoñecemento “sen esquecer que hai moitas mulleres que tamén está na primeira liña noutras profesións, incluídas as mulleres da política, pero este ano o premio ten que ser para elas, que están arriscando a súa vida”.

Desde o PSdeG-PSOE destacan que “nunha porcentaxe moi elevada son mulleres as que, durante esta pandemia, realizan o seu traballo con dedicación, esforzo e, en moitos casos, envoltas na precariedade laboral”. E por iso defenden que “debemos recoñecer o papel fundamental das políticas de igualdade que se levan a cabo dende hai tempo, tanto nas institucións públicas como nos servizos que desde elas se están a prestar a cidadanía”. “Creemos que este premio é unha boa fórmula para consolidar os pasos cara a igualdade e para dar visibilidade e recoñecemento ao traballo que nesta pandemia están a realizar”, sinalan.

Quen foi Olimpia Valencia?

Olimpia Valencia naceu no ano 1898 no concello ourensán de Baltar e foi a primeira muller licenciada en medicina en Galicia. Especializouse en obstetricia, por ser unha especialidade exclusiva sobre as mulleres. A razón pola que se decantou por esta rama da medicina foi que, naquela época, estaba mal visto que unha muller atendera a pacientes homes, aínda que o seu desexo era facer a especialidade de neumoloxía.