comercio INFRAESTRUCTURAS

Alertamos de que o Concello de Ourense pode perder case 1,5 millóns da subvención para a rehabilitación integral da Praza de Abastos

O PSDEG-PSOE ACUSA A JÁCOME DE “TORPEDEAR” A SUBVENCIÓN DA PRAZA DE ABASTOS E ADVIRTE QUE O CONCELLO PERDERÁ 1,5 MILLÓNS SE NON PRESENTA ALEGACIÓNS DE XEITO INMEDIATO

Aseguran que Jácome descartou deliberadamente ofrecer alternativas ao Ministerio de Fomento cando este avisou, hai catro meses, da imposibilidade de conceder máis prórrogas para a execución da obra

Esixen ao alcalde que poña sobre a mesa, de forma urxente, solucións viables para evitar a devolución da axuda máis os xuros de demora acumulados dende a data na que foi aboada a primeira anualidade

Ourense, 19 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE acusa a Jácome de “torpedear” a subvención da Praza de Abastos, despois de coñecerse que o Concello terá que devolver case 1,5 millóns da partida recibida por parte do Ministerio de Fomento se non presenta alegacións ou ofrece solucións alternativas de xeito inmediato, ao deixar vencer o prazo da prórroga para as obras de remodelación do edificio.

Deste xeito, os socialistas esixen ao alcalde que poña sobre a mesa, de xeito urxente, solucións viables para evitar a devolución da axuda, que ascende a 1.416.912,44 €, dos cales 1.190.919,84 € corresponden ás achegas do Ministerio de Fomento e 225.992,60 € aos xuros de demora acumulados dende a data na que foi aboada a primeira anualidade.

Os concelleiros do grupo municipal socialista Juana Ageitos, Natalia González, Xosé Rúas, Rosa Martínez e Concha García, diante do edificio da Praza de Abastos das Burgas.

Dende o grupo municipal socialista lamentan que a posible perda da subvención do proxecto “máis importante” que se está a executar en Ourense na actualidade é froito do “escaso interese” do alcalde na obra, e aseguran que Jácome descartou “deliberadamente” presentar alegacións ou ofrecer solucións alternativas ao Ministerio de Fomento cando este avisou, hai catro meses, da imposibilidade de conceder mais prórrogas.

Neste sentido, a vicevoceira socialista, Natalia González, lembrou que o 7 de outubro de 2020 o Concello de Ourense mantivo unha reunión telemática coa Subdelegación Xeral de Arquitectura e Edificación na que se lle comunicou ao alcalde a imposibilidade de conceder outra prórroga para a rehabilitación do edificio a maiores da que xa tiñan concedida, que expiraba o día 20 de outubro de 2020, e que foi ampliada en 79 días naturais, por mor da COVID-19, ata o 7 de xaneiro de 2021.

González explicou que, desde o mesmo organismo, amosaron a súa predisposición para estudar “solucións alternativas”, toda vez que a Intervención Delegada do Ministerio puxera un reparo suspensivo ao expediente da Praza de Abastos por incumprimento dos prazos preceptivos de xustificación da subvención.

“A única proposta que se lle ocorreu ao alcalde nesa reunión foi dicir se se podía volver presentar o Concello á convocatoria do 1,5% cultural, descoñecendo as propias bases da convocatoria, que impiden que os proxectos que xa están en marcha ou licitados poidan volver concorrer”, expuxo a vicevoceira socialista.

Ademais, González sinalou que o pasado 2 de febreiro, o Ministerio mandou unha misiva advertindo que o Concello dispuña de 15 días para salvar a subvención. “O alcalde fixo caso omiso a esa carta e cando está a piques de rematar o prazo de alegacións, di que toda a culpa é do PSOE”. A este respecto, González deixou constar que “o único responsable” é Gonzalo Pérez Jácome e “aqueles que durante os seis últimos anos estiveron á fronte desta cidade e o colocaron aí”.

Pola súa banda, o concelleiro Xosé Rúas referiuse ao alcalde como “a man invisible”, cuxa visión “non vai máis aló da rúa Concordia”, ao tempo que falou do PP como “a única man, a que arrola o berce e apoia a Jácome como alcalde”. Deste xeito, Rúas puxo de manifesto que nin o PP nin Jácome fixeron nada para que o proxecto de rehabilitación da praza saíse adiante, polo que “pouco se pode esperar desta chapuza de Pepe Gotera e Otilio”. Así mesmo, lamentou que o “merlo branco” que ía salvar a cidade se quedase nun “moucho” e concluíu que “Ourense merece algo mellor”.

Ben de interese cultural

A concelleira Juana Ageitos fixo fincapé en que a Praza de Abastos foi seleccionada para a súa reforma ao atoparse nunha zona de especial protección como son As Burgas, e para a propia conservación e enriquecemento do edificio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Ageitos lamentou que Jácome non saiba que a praza “non se reforma unicamente polos praceiros”, un colectivo historicamente “maltratado” polo alcalde, senón tamén porque se trata dun edificio que forma parte do noso patrimonio histórico. Neste sentido, a socialista defendeu que a reforma permitiría que “os pequenos comerciantes puideran competir coas grandes áreas comerciais en condicións de dignidade”, ademais de salientar a necesidade de “apoiar o comercio de proximidade”.

Pesar polo asasinato dunha moza en Velle e a agresión á súa parella

Os socialistas manifestaron o seu profundo pesar polo asasinato dunha moza en Velle, na madrugada deste venres, e pola agresión á súa parella. Dende o grupo municipal socialista condenan enerxicamente a violencia, en todas as súas expresións, e trasládanlle o seu pésame á familia, amigos e achegados da vítima.