Deputación de Ourense INICIATIVAS

Impulsamos unha declaración institucional da Deputación de Ourense en contra do peche do COC de Iberdrola na Rúa

O PSDEG-PSOE IMPULSA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE EN CONTRA DO PECHE DO CENTRO DE CONTROL DE IBERDROLA NA RÚA

O texto propón “trasladar a Iberdrola a oposición ao peche” e pide “reconsiderar” a decisión; amosa o “amparo e solidariedade” cos afectados; e reclama “instar e apoiar” a Xunta e Goberno central para “adoptar accións” co fin de que a empresa “rectifique”

Foi rexistrada hoxe para o seu traslado a todos os grupos políticos co fin de concretar o seu contido en xunta de portavoces, previa a súa aprobación no vindeiro pleno ordinario do 26 de febreiro

Ourense, 19 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE vén de impulsar unha declaración institucional da Deputación Provincial de Ourense en contra do peche do ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’, que a empresa Iberdrola ten na localidade ourensá da Rúa. Esta proposta de declaración institucional foi rexistrada hoxe para o seu traslado a todos os grupos políticos da corporación, co fin de concretar o seu contido en xunta de portavoces, previa a súa aprobación no vindeiro pleno ordinario do 26 de febreiro.

O texto propón que o pleno provincial “traslade á dirección de Iberdrola, S. A. a súa oposición ao peche do ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’ que a empresa ten na Rúa (Ourense)” e “insta” á empresa a “reconsiderar a decisión de clausurar” este edificio que presta servizo desde 1955.

Tamén propón “instar e apoiar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España para que, no exercicio das súas responsabilidades e competencias propias, adopten as accións e iniciativas necesarias para que Iberdrola, S. A. rectifique a decisión”. Igualmente demanda “trasladar o amparo e solidariedade aos traballadores, traballadoras e demais persoas afectadas polo peche”.

A iniciativa resalta que “a cidadanía, representada polas deputadas e deputados que conforman a corporación da Deputación Provincial de Ourense, quere transmitir a súa fonda preocupación polo peche” e recorda que o “impacto” desta decisión suporía a “perda dunha docena de empregos na comarca de Valdeorras e afondaría na merma da actividade económica e na deslocalización industrial”. “É tamén unha medida contraria ás políticas que contribúen a frear e reverter o despoboamento e illamento que sufre o interior da comunidade autónoma”, salienta.

A iniciativa indica que “é alarmante que unha empresa que leva décadas operando en Ourense, onde ten unha parte moi relevante do seus activos empresariais e que, ademais, recibe axudas e apoio institucional para desenvolver a súa actividade no patrimonio público natural” adopte esta decisión “para trasladar toda a súa actividade a outra comunidade autónoma” desde onde pretende xestionar en remoto os seus activos.

Por último recorda que, ao longo dos dous últimos anos, decenas de municipios das provincias de Ourense e Lugo e a propia Deputación “xa amosaron o seu rexeitamento á reestruturación que esta empresa pretende executar en 2021”. Aquel texto refrendado polos alcaldes, alcaldesas ou presidentes das corporacións “cuestiona esta decisión por non ser desexable para a sociedade” e “insta a que a operación e control dos recursos enerxéticos galegos debe permanecer en Galicia”.

O PSdeG-PSOE agarda que todos os grupos políticos presentes na corporación da institución (Partido Popular, Democracia Ourensana e Bloque Nacionalista Galego) aporten as súas achegas na próxima sesión da xunta de voceiros, co fin de acadar un acordo “unánime e sólido” que defenda os intereses da provincia de Ourense e da súa veciñanza.