concellos Denuncias

Os socialistas de Cartelle critican que o PP aprobe agora axudas á hostalería cando votou en contra fai uns meses

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE CRITICA AS “INCONGRUENCIAS” DO GRUPO DE GOBERNO DO PARTIDO POPULAR QUE APROBA AGORA AXUDAS Á HOSTALERÍA CANDO VOTOU EN CONTRA FAI UNS MESES

Os socialistas están a favor das axudas ao sector e presentaron unha moción no seu momento reclamando as mesmas, pero atopáronse coa negativa do PP que alegou que non había cartos para axudas directas

O voceiro do PSdeG, Jesús Pereira, afirma que “esta é unha mostra máis de que o único que busca o alcalde e o seu equipo é a propaganda e que a veciñanza impórtalle ben pouco”

Cartelle, 22 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle critica as “incongruencias” do grupo de goberno municipal do Partido Popular que aprobou cos votos a favor dos socialistas unha modificación orzamentaria de 12.000 euros para conceder axudas aos hostaleiros do municipio. Os socialistas critican que no anterior pleno o PP votou en contra dunha moción neste senso, na que instaban ao Concello a que apoiase ao sector hostaleiro mediante a elaboración dun plan de reactivación da actividade económica que contemplase entre outras medidas unha liña de axudas económicas destinadas a atemperar os gastos dos establecementos hostaleiros do municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista, concordan con estas axudas e votaron a favor das mesmas, “como non podía ser doutro xeito, pois no último pleno de 2020 presentamos a devandita moción e estamos a favor das axudas. Critican que o PP no seu momento, por mediación da concelleira e senadora, Carmen Leyte, manifestou en comisión que “se trata dun sector que está sufrindo esta crise, pero non é o único, xa que hai moita xente moi afectada e este é un concello pequeno”.

A propia Leyte chegou a dicir que “co noso orzamento as axudas directas non son posibles porque existen outros sectores afectados” e avoga por acudir aos establecementos a consumir co medida de apoio. O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, considera que este cambio de parecer “trata de esconder a realidade que é que o PP trata agora de facer propaganda partidista para apuntarse o tanto das axudas a hostalería, cando fomos os socialistas os primeiros en reclamalas xa no mes de outubro co rexistro da moción”.

Para Pereira esta situación demostra que “para o alcalde e o seu equipo só importa a propaganda e a veciñanza dálles completamente igual”. O voceiro socialista tamén manifesta que nos últimos plenos “quedou claro que o alcalde non é máis cunha marioneta movida pola verdadeira alcaldesa na sombra, a señora Leyte, que é a que fai e desfai o seu entoxo e sigue gobernando o municipio con mano de ferro”.