Deputación de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos a Baltar 3,6 millóns para impulsar o emprego nos municipios de Ourense

O PSDEG-PSOE RECLAMA DUPLICAR O PLAN DE EMPREGABILIDADE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA DAR UN NOVO PULO AOS MÁIS CASTIGADOS POLA CRISE ECONÓMICA DERIVADA DA COVID-19

Os socialistas demandan 3,6 millóns e un reparto “equitativo e xusto” destes fondos, fronte ás subvencións que “decide discrecionalmente o dedo de Baltar nunha perfecta práctica do caciquismo”

“Os importes pensados na actualidade polo goberno do PP son claramente insuficientes e non permitirán axudar a moitas familias coas súas economías en precario”, denuncian

Ourense, 24 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE vén de impulsar unha iniciativa para duplicar o plan de empregabilidade da Deputación Provincial de Ourense, co fin de dar un novo pulo ás persoas máis castigadas pola crise económica derivada da pandemia da Covid-19. Os socialistas consideran “nuclear” e “urxente” que os fondos económicos da institución para este fin, que se transfiren ás entidades locais da provincia para a súa execución directa, acaden os 3,6 millóns de euros. “Os importes pensados na actualidade polo goberno do PP son claramente insuficientes e non permitirán axudar a moitas familias coas súas economías en precario”, denuncian.

Así pois, unha moción que se debaterá no pleno ordinario de febreiro que terá lugar este venres, propón instar á Deputación a que modifique as bases desta convocatoria para duplicar o importe destinado ao programa provincial de cooperación cos concellos e coa entidade local menor de Berán en materia de empregabilidade para o exercicio de 2021.

A Lei Reguladora das Bases do Réxime Local establece que é competencia propia das deputacións a asistencia e cooperación aos concellos, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión. En base a este mandato legal, os socialistas ourensáns, ante a delicada situación económica e social, defenden que é «perentorio e imprescindible» que a institución auxilie aos municipios neste ámbito. “A meirande parte das entidades locais ourensáns carecen dos recursos extraordinarios precisos para facer fronte a estas inesperadas obrigas”, insisten.

A iniciativa salienta en que estes fondos para impulsar o emprego, deben distribuírse de forma equitativa e xusta posto que “desde hai varios exercicios, a Deputación vén sumando un superávit importante que se distribúe, en boa medida, a través de criterios discrecionais mediante un mecanismo de subvencións directas que decide discrecionalmente o dedo de Manuel Baltar nunha perfecta práctica do caciquismo”, unha actitude que “impide a moitos concellos percibir achegas adecuadas ás súas necesidades”.

Xa hai case un ano, o grupo provincial reclamou esta medida ao goberno provincial, dentro dun marco xeral de actuacións urxentes fronte á pandemia da Covid-19. Desta forma “buscamos repetir unha achega moi relevante para as entidades locais, que xa foi aprobada mediante unha modificación das bases no pleno extraordinario do 29 de abril de 2020”, inciden.

“Nada debería impedir adoptar novamente unha decisión que é beneficiosa para toda a provincia e, especialmente, para as persoas que precisan máis axuda neste momento”. Deste incremento dotacional non só se verán beneficiados os concellos, xa que o “seu foco final son as persoas que, a través deste programa, terán unha oportunidade laboral nun momento complicado”.

No 2020, inicialmente foron 89 os concellos ─tamén a entidade local menor de Berán─ adheridos a este plan. Coa modificación aprobada por todos os grupos políticos da corporación naquel momento, non só viron incrementada a dotación económica, senón que dous concellos que non solicitaran inicialmente a incorporación (Castrelo de Miño e A Gudiña) finalmente tamén puideron adherirse ao programa, recibindo 20.000 euros cada municipio.