Deputación de Ourense INICIATIVAS

A Deputación aproba unha declaración institucional, a iniciativa do PSOE, en contra do peche de Iberdrola na Rúa

A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL EN CONTRA DO PECHE DO CENTRO DE CONTROL DE IBERDROLA NA RÚA A INICIATIVA DO PSDEG-PSOE

O texto aprobado hai uns minutos, co apoio de todos os grupos políticos da corporación, foi impulsado polos socialistas a pasada semana e acordado previamente en xunta de voceiros

O texto “traslada” á dirección de Iberdrola a “oposición” ao peche do Centro de Operación de Cuenca e “insta” á empresa a “reconsiderar a decisión de clausurar” este espazo que presta servizo desde 1955

Ourense, 26 de febreiro de 2021. A Deputación de Ourense vén de aprobar unha declaración institucional en contra do peche do Centro de Control de Conca (COC), que a empresa enerxética Iberdrola ten na localidade da Rúa, logo dunha iniciativa do PSdeG-PSOE. O texto aprobado hai uns minutos, co apoio de todos os grupos políticos da corporación provincial, foi impulsado polos socialistas a pasada semana e debatido previamente en xunta de voceiros, onde se acadou un acordo para que a institución amose desta forma o seu rexeitamento á decisión de trasladar parte da súa actividade fóra de Galicia.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán amosan a súa “plena satisfacción” polo “acordo” acadado entre todos os partidos políticos da institución, co fin primordial de “defender os intereses económicos e sociais de Ourense e, sobre todo, de todos os veciños e veciñas”.

Este é o texto aprobado:

A cidadanía, representada polas deputadas e deputados que conforman a corporación da Deputación Provincial de Ourense, quere transmitir a súa fonda preocupación polo peche do ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’ que a empresa Iberdrola S.A. ten na localidade ourensá da Rúa.

O impacto dunha medida como esta suporía a perda dunha docena de empregos directos na comarca de Valdeorras e afondaría na merma da actividade económica e na deslocalización industrial do interior de Galicia. É tamén unha medida contraria ás políticas que contribúen a frear e reverter o despoboamento e illamento que sufre o interior da comunidade autónoma.

É alarmante que unha empresa que leva décadas operando en Ourense, onde ten unha parte moi relevante do seus activos empresariais e que, ademais, recibe axudas e apoio institucional para desenvolver a súa actividade no patrimonio público natural, adopte a decisión de pechar este centro para trasladar toda a súa actividade a outra comunidade autónoma, desde onde pretende xestionar en remoto os seus activos.

Ao longo dos dous últimos anos, decenas de municipios das provincias de Ourense e Lugo e a propia Deputación Provincial de Ourense, xa amosaron o seu “rexeitamento” á reestruturación que esta empresa pretende executar en 2021. O texto refrendado polos alcaldes ou presidentes das corporacións, cuestiona esta decisión “por non ser desexable para a sociedade” e insta a que “a operación e control dos recursos enerxéticos galegos debe permanecer en Galicia”, como acontece desde 1955.

O Pleno da Deputación Provincial de Ourense, ACORDA:

1º. Trasladar á dirección de Iberdrola, S. A. a súa oposición ao peche do ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’ que a empresa ten na Rúa (Ourense).

2º. Instar á dirección de Iberdrola, S. A. a que reconsidere a decisión de clausurar o ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’ que ten na Rúa e amose o seu compromiso coa provincia de Ourense e con Galicia.

3º. Instar e apoiar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España para que, no exercicio das súas responsabilidades e competencias propias, adopten as accións e iniciativas necesarias para que Iberdrola, S. A. rectifique a decisión de pechar o ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’ que a empresa ten na Rúa (Ourense).

4º. Trasladar o amparo e solidariedade aos traballadores, traballadoras e demais persoas afectadas polo peche do ‘Centro de Operación de Cuenca (COC)’ que a empresa Iberdrola, S. A. ten na Rúa (Ourense).