Denuncias Deputación de Ourense

A Deputación desvirtúa, co aplauso de Montse Lama, un premio para recoñecer ás mulleres de Ourense

Elvira Lama denunciou que unha emenda rexistrada polo PP “desvirtuou” e “transmutou” vergoñentamente o contido da iniciativa, xa que amplía o abano de posibles premiados a “todas as persoas”

“Na dereita seguen sen entender que a declaración do Día Internacional da Muller está aí desde hai décadas para recoñecer a mulleres e non a todas as persoas”, recordou Lama antes de explicar os fundamentos desta data segundo a ONU

Ourense, 26 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE defendeu no pleno de febreiro da Deputación Provincial de Ourense, unha moción para o recoñecemento público das mulleres da provincia, mediante a creación do premio Olimpia Valencia, co gallo da celebración anual do 8 de marzo. A vicevoceira, Elvira Lama, denunciou que unha emenda rexistrada polo PP -co aplauso da agora deputada no adscrita Montse Lama- “desvirtuou” e “transmutou” vergoñentamente o contido da iniciativa, xa que amplía o abano de posibles premiados a “todas as persoas”. “A súa emenda é unha burla ás mulleres da provincia”, resaltou a deputada.

“Na dereita seguen sen entender que a declaración do Día Internacional da Muller está aí desde hai décadas para recoñecer a mulleres e non a todas as persoas”, recordou antes de explicar os fundamentos desta data segundo a ONU. “Non é o Día da Igualdade aínda que cada día é máis patente esa desigualdade”, recordou tras salientar que “Baltar, que sempre quere ser o primeiro en todo, esta vez fai o contrario”.

A deputada dixo, unha vez máis, que “queremos recoñecer o traballo das mulleres en favor da igualdade e dos seus dereitos”, porque “sobre as mulleres recaen a meirande parte dos traballos cando hai algunha crise sanitaria, social ou económica” no Día da Muller, que é só sobre as mulleres. “Na Deputación existen numerosos premios de recoñecemento a personalidades, pero non existe ningún premio co nome dunha muller que recoñeza o papel das mulleres, os seus intereses e o seu traballo”, destacou.

O texto pedía este premio para “o recoñecemento anual da labor de mulleres que destaquen na defensa da igualdade e os seus dereitos”. Igualmente instaba a “conceder o primeiro premio a todas as mulleres do ámbito da sanidade e dos servizos sociais que están na primeira liña para defendernos da pandemia, na persoa que cada colectivo designe”. Así mesmo, tamén demandaba facer unha homenaxe pública ás mulleres premiadas cada ano, co fin de “dar visibilidade a súa labor e a súa contribución ao desenvolvemento da provincia de Ourense, en canto a situación de emerxencia sanitaria o permita”.