Denuncias Deputación de Ourense

PP e a tránsfuga Lama vetan destinar 3,6 millóns da Deputación a desempregados de Ourense

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O PP E TRÁNSFUGA, MONTSE LAMA, VOTAN EN CONTRA DE AUMENTAR AXUDAS PÚBLICAS DA DEPUTACIÓN PARA OS DESEMPREGADOS

“Os importes pensados na actualidade polo goberno do PP son claramente insuficientes e non permitirán axudar a moitas familias, máis de 200, por toda a provincia”, explicou o deputado, Alvaro Vila

Ourense, 26 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia que o PP de Ourense e a deputada tránsfuga, Montse Lama, votaron hoxe en contra de aumentar as axudas públicas da Deputación Provincial de Ourense para os desempregados da provincia, a pesar do “complicado momento” no que se atopan as economías familiares de moitas persoas. Os socialistas reclamaban, mediante unha moción no pleno ordinario de febreiro, duplicar o plan de empregabilidade da institución, porque é “urxente” mellorar os fondos económicos para este fin ata os 3,6 millóns, que se transfiren ás entidades locais para a súa execución directa.

“Os importes pensados na actualidade polo goberno do PP son claramente insuficientes e non permitirán axudar a moitas familias, máis de 200, por toda a provincia”, explicou o deputado, Alvaro Vila. O socialista insistiu en que “lle costou entender a postura do deputado do BNG” que votou abstención no lugar de dar un pulo cun si a incrementar esta achega económica para atallar os problemas de emprego.

Tamén cualificou como “decepción” que Lama afirmase que “non hai problemas de emprego na provincia”, polo que instou á deputada tránsfuga a explicar a todo Ourense a realidade: “diga que non pode votar que si a duplicar os cartos para emprego porque é cautiva de determinados acordos”. “Pregúntelle a calquera alcalde ou alcaldesa se existe este problema e a ver cantos lle din en público que non existe”, dixo Vila.

Os populares e a tránsfuga Lama decidiron que non é momento de axudar ás persoas máis castigadas pola crise económica derivada da pandemia da Covid-19 e votaron en contra, unha actitude que desde o PSdeG-PSOE cualifican como “insensible, incomprensible e partidista”. Hai case un ano, o grupo provincial reclamou esta medida ao goberno provincial, dentro dun marco xeral de actuacións urxentes fronte á pandemia. «Nada debería impedir adoptar novamente unha decisión que é beneficiosa para moitas persoas, polo que o PP e a tránsfuga, deberán explicar por que votan en contra dunha achega aos mais necesitados», denunciaron os socialistas.