Concello de Ourense CORRUPCIÓN

Preguntámoslle ao PP “que máis ten que pasar para que asinen a moción de censura”

O PSDEG-PSOE PREGÚNTALLE AO PP “QUE MÁIS TEN QUE PASAR PARA QUE ASINEN A MOCIÓN DE CENSURA” TRALA DIFUSION DUNHA GRAVACIÓN QUE AMOSA “A FALTA DE ESCRÚPULOS DE JÁCOME”

Afirman que “estamos ante un novo episodio de tantos que amosan o xeito de gobernar do alcalde” e lembran que cando Jácome entrou no Concello, “a ética fuxiu polas fiestras do consistorio”

Os socialistas instan ao Partido Popular a “deixarse de escusas” e pídenlle que “alomenos un dos seus sete edís asine a moción que permitiría unha alternativa de goberno “digna e de futuro”

Ourense, 28 de febreiro de 2021. O PSdeG-PSOE pregúntalle ao PP de Ourense “que máis ten que ocorrer para que asinen a moción de censura na cidade”, despois de difundirse unha gravación que pon de manifesto, unha vez máis, “a total falta de escrúpulos de Jácome”. Os socialistas afirman que “estamos ante un episodio de tantos que amosan o xeito de gobernar do alcalde, á marxe das regras do respecto institucional” e lembran que cando Jácome entrou no Concello, “a ética fuxiu polas fiestras da casa consistorial”. 

“Esta gravación é un exemplo máis de tantas prácticas cuestionables e decisións arbitrarias do actual alcalde da cidade, como acontece coa súa orde de retirar os ‘bolardos’ e converterse no sheriff dunha cidade sen lei nin orde”, aseguran.

O PSdeG subliña que “estamos ante un alcalde que degrada o Concello, os seus traballadores e representantes políticos e a imaxe que proxectamos como cidade” e que polo tanto “non debe seguir nin un minuto máis á fronte da rexencia da capital provincial”. 

Dende o grupo municipal socialista instan ao Partido Popular a “deixarse de escusas” e pídenlle que “alomenos un dos seus sete edís asine a moción que permitiría unha alternativa de goberno digna e de futuro para a cidade”, salvo que “pretendan perpetuar ao microgoberno” durante os dous anos e medio que restan de mandato, puntualizan.

“Os socialistas estamos cansos de que o PP utilice o veto ao candidato do partido que gañou as municipais como escusa para non asinar a moción de censura”. Deste xeito, aseguran que “nós non imos pedir que se aparte Jesús Vázquez, ou que renuncie á súa acta de concelleiro ou de senador; e se de verdade os populares queren facer algo pola cidade, que deixen de utilizar o seu nome en van, que abandonen a xunta de goberno de Jácome e que asinen a moción, xa”.