concellos Denuncias

Os socialistas de A Veiga acusan ao PP de demorar a aprobación do PXOM

O PSDEG-PSOE DE A VEIGA ACUSA AO REXEDOR DO PP, JUAN ANTA, DE “INACCIÓN” E DE XERAR UN “GRAVE QUEBRANTO” ECONÓMICO A VECIÑANZA POR DEMORAR A APROBACIÓN DO PXOM

Os socialistas denuncian que 16 anos despois da súa aprobación, o PXOM de A Veiga segue sen aprobarse por mor da “desidia” do rexedor e a “inacción” da Xunta de Galicia

O voceiro do PSdeG, Fernando Fernández remarca que o alcalde “non se preocupou en todo este tempo de axilizar un trámite que houbese evitado, de estar aprobado, que a Xerencia Territorial do Catastro considerase chan urbano ao chan que non é urbanizable”

A Veiga, 1 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE de A Veiga acusa ao alcalde do Partido Popular, Juan Anta, e a Xunta de Galicia do grave quebranto económico que para os petos da veciñanza vai ocasionar o procedemento de valoración dos inmobles urbanos, realizado no Concello pola Xerencia Territorial do Catastro, por non aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), despois de 16 anos do inicio da súa redacción.

Os socialistas critican que “desidia” do rexedor popular e a “inacción” do goberno autonómico, ten consecuencias “graves” para a totalidade da veciñanza do Concello da Veiga. Afirman que os veciños e veciñas están a recibir notificacións da Xerencia Territorial do Catastro, revisando os valores catastrais dos inmobles que considera como chan urbano,  chan que anteriormente era rústico e de uso agrario, con incrementos de máis do 100% do valor, de acordo coas normas subsidiarias de 1997.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén lembran que o Concello adxudicou o 10 de novembro de 2005n a redacción da PXOM do Concello á empresa Servicat Arquitectura e Urbanismo S.L por un importe de 81.723,10 euros. O 29 de novembro de 2007, sendo alcalde o socialista, Fernando Fernández Yáñez, e ante a modificación da lei solicitouse unha subvención á Consellería de Política Territoral  Obras Públicas e Transportes, da Xunta de Galicia gobernada por Emilio Pérez Touriño e o 31 de marzo de 2008 concedeuse e aceptou a subvención para a redacción da PXOM por un importe de 129.732,87 euros. O 29 de maio de 2008, modificouse o contrato coa adxudicataria, adaptándoo a normativa vixente.

O voceiro socialista, Fernando Fernández, remarca que “pasaron 16 anos e o PXOM da Veiga segue sen estar aprobado pola Xunta de Galicia e o alcalde non se preocupou en todo este tempo de axilizar un trámite, que houbese evitado, de estar aprobado, que a Xerencia Territorial do Catastro considerase chan urbano ao chan que non é urbanizable”. O representante do PSdeG en A Veiga tamén incide en que de estar aprobado “a maioría desta chan seguiría sendo  rústico de uso agrario” e subliñan que “está a provocar indignación entre a veciñanza que non dan crédito do que está a suceder, pois non poden entender como se pode valorar como urbano unha terra ou un prado onde nunca poderán construír”.

Fernández Yáñez tamén acusa ao rexedor do Partido Popular de “darse agora presa para modificar a xustificación e as características do chan considerado unidade de actuación sito na rúa Chao de Curra, recalcificándoo como chan edificable, beneficiando a uns e prexudicando a outros”. Lembra tamén que en varios plenos, na quenda de rogos e preguntas “intereseime pola situación do PXOM, a última vez o 30 de agosto e as respostas foron as mesmas, que estaban a traballar no tema e se aprobaría en breve”.

Os socialistas consideran que tras case 6 anos de Juan Anta ao fronte da alcaldía puxeron de manifesto a súa “incapacidade” para aprobar o PXOM e “agora sofren as consecuencias desta desidia e tamén da neglixencia da Xunta de Galicia, co PP tamén ao fronte”. Os socialistas esixirán no vindeiro pleno unha resposta inmediata e a aprobación definitiva do PXOM da Veiga, co obxectivo de “evitar esta inxustiza que vai provocar un gran  quebranto á economía dos veciños”.