Concello de Ourense INICIATIVAS

Logramos que o Concello de Ourense aprobe unha moción para a captación de fondos Next Generation

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE O CONCELLO DE OURENSE APROBE UNHA INICIATIVA DE CONSENSO PARA IMPULSAR PROXECTOS PARA A CIDADE MEDIANTE A CAPTACIÓN DE FONDOS NEXT GENERATION

O “microgoberno” volve amosar o seu menosprezo pola cultura votando en contra da petición socialista para renovar o convenio de colaboración entre o Concello e a AGADIC

O PP prégase á Xunta e rexeita apoiar a moción socialista para esixirlle á Ethel Vázquez que resolva as deficiencias detectadas nas obras de reforma da rúa Marcelo Macías

Ourense, 5 de marzo de 2021.  Os socialistas do Concello de Ourense veñen de conseguir a aprobación no pleno dunha iniciativa de consenso –apoiada por todos os grupos excepto polo PP, que se abstivo na votación– para a creación dun grupo de traballo que permita a captación de fondos europeos de recuperación Next Generation co fin de impulsar proxectos clave para a cidade como son o termalismo ou a xeotermia.

A proposta foi defendida polo concelleiro Javier Rey, quen definiu as axudas de Europa, un total de 140.000 millóns para seis anos, como “un auténtico Plan Marshall do s. XXI, non só para recuperarnos da pandemia, senón tamén para cambiar as estruturas económicas de moitos territorios”. Neste sentido, Rey fixo fincapé na necesidade de que o goberno local “se poña as pilas” para non perder “unha oportunidade histórica” ao tempo que rexeitou a emenda do PP para instar aos xefes de servizo e coordinadores do Concello a identificar os proxectos prioritarios da cidade: “Entendemos que os técnicos non teñen que facer o traballo dos políticos”, argumentou Rey.

Por outra banda, o microgoberno de Jácome “botoulle o ferrollo” ao Auditorio de Ourense hoxe, ao negarse a apoiar a proposta socialista para renovar o convenio de colaboración entre o Concello e a AGADIC, amosando unha vez máis o seu menosprezo pola cultura. O alcalde, Ojea e Ucha foron os únicos que votaron en contra da moción, que foi aplaudida por unha ampla maioría do pleno e aprobada cunha emenda de engádega presentada polo PP.

O concelleiro Xosé Rúas lamentou que o alcalde use a escusa da Covid para cancelar a cultura en Ourense e lembroulle que o auditorio ourensán é o único teatro galego que carecerá de programación cultural durante os vindeiros meses. Deste xeito, Rúas criticou que o alcalde prive a cidade de recibir as cantidades previstas no convenio de colaboración coa AGADIC -52.582 euros, dos cales o ente autonómico achega o 40%-, que permitirían a representación de 21 obras teatrais e musicais. Neste sentido, o socialista censurou que o alcalde cualifique de “hobbies” o teatro ou o cine e non teña en conta o impacto económico que a cultura ten sobre o comercio, o sector hoteleiro ou a restauración.

Nova “chapuza” da Xunta en Marcelo Macías

A concelleira Natalia González defendeu unha moción para instar á Xunta de Galicia a corrixir as eivas detectadas polos técnicos municipais nas obras da rúa Marcelo Macías, que foi aprobada co voto en contra do Partido Popular. “Os populares préganse ás decisións da Xunta, fanlle a ola á conselleira Ethel Vázquez como coas obras do pendello da estación de autobuses, e aceptan outra chapuza que hipoteca unha arteria principal de entrada e saída da cidade”, manifestaron os socialistas.

A socialista criticou que os populares non fixeran “nada” por levar ante a Xunta as eivas sinaladas nas obras polos técnicos “ata en tres ocasións” e que o alcalde careza de “peso político” para facer as reivindicacións pertinentes ante o goberno autonómico. “Iso si, para pedir melloras na rúa Concordia, colle o teléfono e arránxao de palabra”, censurou González, antes anunciar que “veremos máis chapuzas proximamente, como a senda peonil de Reza, da que Jesús Vázquez está tan orgulloso”.