Concello de Ourense INICIATIVAS

O PP, o único partido que se opón a asinar a moción de censura contra Jácome

O PP VOTA CON JÁCOME EN CONTRA DA INICIATIVA DO PSDEG-PSOE PARA ACORDAR A SINATURA DA MOCIÓN DE CENSURA CONTRA O ALCALDE POLA SÚA «INCAPACIDADE PARA XESTIONAR O CONCELLO»

Villarino defendeu a urxencia dunha moción para mudar o «microgoberno» municipal por un proxecto alternativo para a capital ourensá, apoiada por todos os grupos da oposición, menos polo PP

«Non queren que entremos no Concello de Ourense porque se acabaría o cacicato», díxolle Villarino a Flora Moure, quen admitiu que o PP «non apoia nin apoiará» a moción para desaloxar a Jácome

Ourense, 5 de marzo de 2021. O grupo municipal do PP foi o único partido da oposición que rexeitou apoiar, na sesión plenaria de hoxe, a iniciativa do PSdeG-PSOE para acordar a sinatura da moción de censura que permitiría desaloxar a Jácome da alcaldía. A proposta dos socialistas foi defendida polo voceiro do grupo no Concello de Ourense, Rafa Villarino, quen xustificou a urxencia na necesidade de mudar o «microgoberno» municipal por un proxecto alternativo e de futuro para a capital ourensá.

Villarino fixo unha enérxica defensa a favor da moción de censura contra un alcalde «sen escrúpulos», cuxo desleixo levou a «perder case un millón e medio de euros da subvención para a rehabilitación da praza de abastos», que «malgasta millóns en proxectos baleiros» e que suple as carencias do seu microgoberno de tres concelleiros cun «séquito» de asesores.

O voceiro municipal apuntou á responsabilidade do PP nesta situación, lembrando que deixaron gobernar a Jácome cun único propósito: manter a Deputación de Ourense». Ademais, Villarino asegurou que os populares «non queren que entremos no Concello porque se acabaría o cacicato», logo de que a edil popular Flora Moure admitira que o PP «non apoia nin apoiará» a moción para desaloxar a Jácome.

«Quedaron retratados como os únicos que amparan a unha persoa que vostedes mesmos chamaron letal para Ourense», declarou Villarino, quen lle pediu aos populares que clarifiquen, xa, se están dispostos a mudar o microgoberno por un proxecto alternativo e de futuro: «Dígame agora mesmo se imos ter a Jácome ata 2023 como alcalde de Ourense, porque iso só depende de vostedes».