Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS

Alertamos do desmantelamento dos servizos municipais de conciliación familiar

O PSDEG-PSOE ALERTA DO DESMANTELAMENTO DOS SERVIZOS MUNICIPAIS DE CONCILIACIÓN FAMILIAR E ESIXE UN PACTO LOCAL PARA RESTABLECER E REFORZAR OS SERVIZOS DE APOIO FAMILIAR

Os socialistas denuncian a redución a “mínimos históricos” das prazas do Espazo Coeduca para Semana Santa, así como a supresión das actividades nos Centros Cívicos, na Aula da Natureza e nas bibliotecas

Aseguran que o PP é “corresponsable” posto que foron os populares os que iniciaron “o desmantelamento dos programas de conciliación que agora Jácome está a consumar”

Ourense, 25 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE alerta do desmantelamento dos programas municipais de conciliación familiar en Ourense e esixe un pacto local para restablecer e reforzar os servizos de apoio ás familias que o PP suprimiu e que o microgoberno está a “exterminar”. Neste sentido, os socialistas denuncian que a redución “a mínimos históricos” das prazas do Espazo Coeduca para Semana Santa –así como a eliminación das actividades infantís nos Centros Cívicos, na Aula da Natureza e nas Bibliotecas Municipais para os festivos de Pascua– obrigará a moitas familias a facer “encaixe de palillos” para poder conciliar.

“É ridículo e inaudito que o Concello de Ourense ofreza dez prazas para a conciliación familiar e laboral de toda a cidade de Ourense” manifestan os socialistas, que ademais tachan de “agravante” que o programa “deixe fóra os nenos de educación infantil, non cubra o luns de Pascua e se ofreza só en horario de mañá”.

Dende o grupo municipal socialista lamentan que o Concello de Ourense “suprima servizos de apoio ás familias nun momento no que debería reforzalos, como están facendo a maior parte das cidades galegas” e aseguran que non se trata dunha cuestión sanitaria por mor da Covid, como alega o alcalde, senón de amosar “vontade política e compromiso”.

“O exemplo témolo en Ribadavia, un concello de 5.000 habitantes que ofrece 24 prazas para actividades de conciliación familiar e laboral durante a Semana Santa, en horario de mañá e tarde; mentres Ourense ofrece a terceira parte, en horario só de mañá, e para unha poboación de 105.000”, destacan.

Por outra banda, os socialistas denuncian que a escaseza de prazas e a falta de promoción do servizo “desincentivan a demanda” deste tipo de actividades, polo que, en moitas ocasións, as persoas que o precisan “non chegan a saber que existe ou directamente nin o solicitan”. Ademais, fan fincapé na necesidade de “preservar o sentido dos programas” e evitar que se desvirtúe a súa finalidade.

Corresponsabilidade do PP

Dende o grupo municipal socialista aseguran que o Partido Popular é “corresponsable” desta situación, posto que foron eles os que iniciaron “o desmantelamento dos programas de conciliación que agora Jácome está a consumar”. Deste xeito, lembran que “o PP xa suprimira no seu momento o programa Coeduca”, xunto con outras iniciativas semellantes como o Banco do Tempo, os programas de atención a familias monoparentais ou os de reforzo escolar nos Centros Cívicos, “promovendo unha política de recortes nas áreas de benestar social sen precedentes en Ourense, que Jácome está a agravar”.

“O propio superconcelleiro Telmo Ucha recoñeceu aos medios que descoñecía os motivos polos que o programa Coeduca ofrece só dez prazas este ano”, declaran os socialistas, “amosando así a falta de interese do microgoberno por un dos maiores retos que as administracións deben abordar, que é a conciliación familiar e laboral”. Neste sentido, dende o PSdeG-PSOE de Ourense avogan por un pacto local a favor da conciliación que conte co compromiso político e económico necesario para restablecer o alcance e o sentido dos programas existentes e apostar por iniciativas novas destinadas ao benestar social das familias da cidade.