Denuncias Deputación de Ourense

Villarino denuncia que Baltar veta “dar voz aos concellos” no reparto dos fondos de recuperación da UE

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE BALTAR VETA A PARTICIPACIÓN DOS CONCELLOS DE OURENSE NO ACCESO AOS FONDOS EUROPEOS DE RECUPERACIÓN QUE “QUERE INCAUTAR PARA CACIQUEAR”

Villarino propuxo que “lle dean voz a todos os alcaldes e alcaldesas para facer proxectos propios” porque “o contrario sería incautarse dos fondos NextGenerationEU para caciquear

Ourense, 25 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que Manuel Baltar e a deputada tránsfuga non adscrita, Montse Lama, vetan a participación dos concellos no acceso aos fondos europeos de recuperación que a Deputación “quere incautar”. Os socialistas defenderon hoxe unha moción na que reclamaban a creación dun grupo de traballo con alcaldes, alcaldesas ou representantes designados por todos os municipios e pola Entidade Local Menor de Berán, co fin de establecer un sistema para trasladar iniciativas e proxectos susceptibles de ser financiadas con instrumento NextGenerationEU. Mais os conservadores, nun novo “alarde antidemocrático”, votaron en contra.

O voceiro, Rafa Villarino, explicou que “esta administración é un lugar opaco no que fan todo ao seu antollo”, polo que pediu “por favor” que “non toquen os fondos europeos porque xa sabemos a que concellos irán destinados os cartos en detrimento doutros”. “Propoñemos que se lle dea voz a todos os alcaldes e alcaldesas para facer proxectos propios”, insistiu.

“Na Deputación de Ourense atopamos un operativo multidisciplinar pero non transversal, pois unicamente están representados cargos do PP e, ademais, está capitaneado por unha persoa que xa fracasou en traer fondos europeos”, aseverou o voceiro antes de recordar que “o artífice do fallido proxecto sobre os fondos Edusi, Jorge Pumar, déixanos abraiados porque vén dar leccións, o que resulta paradoxal”. “Algún día explicará as causas de que eses fondos non viñeron para Ourense”, advertiu.

“Non pode ser que o presidente capitalice os cartos, incautando e repartindo de modo discrecional e caciquil”, denunciou Villarino antes de destacar que a Deputación “debe xogar o papel de facilitador” e de “auxilio aos municipios”, para “darlle unha saída a esta provincia grazas aos proxectos”. Villarino finalizou pedindo á corporación provincial que “non dea as costas aos alcaldes e alcaldesas, xa que hai moitos moi competentes que teñen ganas de traballar” para “avanzar e mirar cara o futuro”.