concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín reciben o apoio unánime do pleno para a elaboración dun escudo heráldico do municipio

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN ACADA O APOIO UNÁNIME DO PLENO MUNICIPAL PARA IMPULSAR A ELABORACIÓN DUN ESCUDO HERÁLDICO PROPIO NO CONCELLO

As socialistas tamén acadaron o apoio na sesión plenaria para o cambio de nome do CEIP Punxín, que pasará a chamarse CEIP Fundación Benigno Quiroga en “honra a este ilustre veciño”

A voceira do PSdeG en Punxín, Lorena Peleteiro, lamenta o voto en contra do goberno municipal para a creación dunha comisión de seguimento de axuda no fogar e afirma que “rexeitan a nosa colaboración nun servizo totalmente indispensable”

Punxín, 26 de marzo de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín impulsou no pleno municipal celebrado no día de onte unha iniciativa para que o Concello inicie os trámites para a elaboración dun escudo heráldico propio, que foi aprobada por unanimidade. As socialistas destacan que o obxectivo que se marcaban con esta proposta era aportar maior identidade o municipio, dun concello que ao día de hoxe non dispuña de escudo heráldico que os diferenciase como entidade local.

Dende o Grupo Municipal Socialista amosan a súa satisfacción co acordo acadado no pleno e destacan a “importancia” de dotar a Punxín dun escudo propio. Tamén apuntan a que gracias a este acordo “rematarase cunha fenda histórica con respecto a outros concellos da comarca, que xa contaban con escudo heráldico, polo que Punxín deixará de ser o único concello da bisbarra sen escudo propio”.

As socialistas tamén acadaron o apoio do grupo de goberno municipal para o cambio de nome do CEIP Punxín, que pasará a chamarse CEIP Fundación Benigno Quiroga. Para as concelleiras socialistas “trátase dunha medida que servirá para honrar a memoria e o legado que don Benigno deixou en Punxín e que debemos coidar e trasladar as novas xeracións para que non se perda”.

No relativo a moción na que o PSdeG-PSOE de Punxín instaba ao concello a creación da comisión de seguimento de axuda no fogar, as socialistas lamentan que fose rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno municipal formado polo Partido Popular e por un concelleiro non adscrito. “Consideramos que é unha mágoa que o grupo de goberno rexeite a colaboración que ofrecemos as concelleiras socialistas para mellorar un servizo indispensable e que beneficiaría á veciñanza que máis o precisa”, sinala a voceira socialista, Lorena Peleteiro. Tamén foi rexeitada outra iniciativa socialista na que se instaba a creación dun fondo extraordinario nos orzamentos da Xunta de Galicia destinados á loita contra a pandemia orixinada pola Covid-19.