O PSDEG-PSOE DE OURENSE LOGRA QUE O PLENO MUNICIPAL APROBE POR UNANIMIDADE A DIGNIFICACIÓN DO ARQUIVO E A POSTA EN MARCHA DUN PLAN DE DIXITALIZACIÓN DO CONCELLO
O PP volve pregarse ás decisións da Xunta e vota en contra dunha iniciativa socialista para a modificación ou paralización do proxecto da senda peonil de Reza, que foi apoiada polo resto da corporación
Os socialistas presentaron unha emenda de substitución á moción de Ciudadanos relativa á implantación dun grao en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial que foi aprobada por maioría
Ourense, 9 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de lograr a aprobación por unanimidade de dúas das tres mocións que os socialistas presentaron na sesión plenaria deste venres: por unha banda, a dignificación urxente do Arquivo Municipal a través da corrección das súas múltiples eivas e deficiencias materiais; e pola outra, a redacción e posta en marcha dun plan de modernización dixital do Concello “para acadar unha administración do século XXI”.
Na súa exposición da iniciativa socialista sobre a posta en valor do Arquivo Municipal, que contou co apoio de todos os grupos, a concelleira Rosa Martínez defendeu a importancia de protexer o patrimonio documental da cidade, ao tempo que alertou da precariedade e abandono das instalacións do arquivo, inscritas nun Centro Cívico sen ningún tipo de sinalización e carentes de recursos materiais e humanos para o seu axeitado funcionamento.
Neste sentido, Martínez lembrou que o “calamitoso” estado das instalacións inclúe a inexistencia de ordenadores para os investigadores, a falta de ferramentas como higrómetros ou termómetros, a utilización de métodos artesanais para impedir que a luz estrague os documentos, a falta de accesibilidade das instalacións, a nula adaptación á mobilidade reducida, a existencia de buracos no teito ou a falta de espazo para albergar o gran volume documental do servizo. Así, a socialista convidou ao rexedor ourensán a imitar o “modelo Vigo”, cuxo arquivo conta con sete traballadores –segundo a memoria realizada polo servizo no 2020–, fronte a un único funcionario no caso do arquivo ourensán.

Por outra banda, o edil Wilson Jones defendeu a eminente necesidade de dixitalización da administración pública local na exposición dunha moción que foi aprobada coa unanimidade do pleno municipal. O socialista subliñou a importancia de conxugar o impulso das novas tecnoloxías no goberno local cun plan de alfabetización dixital para persoas usuarias e traballadoras, e lembrou que xa no ano 2015 se aprobaron normas que obrigan legalmente á administración pública e local a establecer o trámite dixital dos servizos, algo que a pandemia evidenciou e puxo de relevo.
“No contexto da sociedade da información na que vivimos, a actuación administrativa non pode manterse á marxe dos medios relativos á administración electrónica, que ten que ser áxil e eficiente na resposta aos cidadáns”, manifestou Jones.
Ademais, os socialistas presentaron unha emenda de substitución á moción de Ciudadanos relativa á implantación dun grao en Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial, que foi aprobada cos votos favorables de todos os grupos excepto dos do PP e Cs, que se abstiveron.
No texto da emenda, os socialistas instan á Xunta a aprobar a implantación do dito grao na Escola Superior de Enxeñaría Informática no campus ourensán, a incrementar a oferta de matrícula en 25 alumnos e alumnas para o curso 2021-2022, e a implantar unha titulación en Moda e outra en Enoloxía.
Senda de Reza e parque 25N
O PP volveu pregarse ás decisións da Xunta e votou en contra da iniciativa socialista para a modificación ou paralización do proxecto da senda peonil de Reza, que foi apoiada polo resto da corporación.
Neste sentido, a concelleira Natalia González defendeu que “o único que pide a veciñanza de Reza é a humanización da zona”, ao tempo que lembrou que a petición histórica deste núcleo de poboación non é outro que “a continuidade das beirarrúas”.
González afeoulle ao PP a falta de “empatía” coas demandas veciñais e criticou que “nin o edil Jesús Vázquez, nin ninguén do grupo popular se achegou ata Reza para ver os 17 peches que van estragar” por mor das expropiacións forzosas para a construción da tan contestada senda peonil. “Deixen de enterrar diñeiro onde non fai falta” concluíu a socialista.
A respecto da remodelación do parque 25 de novembro, González lamentou que un dos espazos verdes máis densos da cidade se atope “no total abandono polo desleixo de Jácome” e recriminoulle ao ‘microgoberno’ que agora se posicione a favor da iniciativa socialista, despois de permitir que as árbores do parque secasen porque “nin sequera instalaron un sistema de rego”.