concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Viana congratúlanse de que tras anos de loita por fin se proceda a arranxar a estrada de San Agostiño

O PSDEG-PSOE DE VIANA CONGRATÚLASE DE QUE TRAS ANOS DE LOITA, TRABALLO E ESFORZO DOS SOCIALISTAS, O ARRANXO DA ESTRADA DE SAN AGOSTIÑO SEXA HOXE UNHA REALIDADE

Os socialistas lembran que levan anos loitando para rematar cunha estrada “terceiromundista” e que o anterior alcalde do BNG, Secundino Fernández se opuxo constantemente as iniciativas socialistas para arranxar os problemas desta vía de comunicación

Viana do Bolo, 12 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo congratúlase e celebra que por fin a veciñanza vaia a contemplar e desfrutar da estada de San Agostiño, tras varios anos de loita para que se arranxase esta vía de comunicación. Os socialistas lembran que en 2018, a Agrupación Socialista de Viana propúxose comezar as xestión para o arranxo da estada de Santo Agostiño e subliñan que “fixémolo dende o convencemento de logralo, que desta ía, era a nosa arenga”.

No pleno do 24 de maio de 2018, os socialistas presentaron a primeira moción das moitas que levarían a pleno e na que solicitaban que se xestionase dende o Concello unha xuntanza de traballo coa empresa Endesa-Enel e a Deputación Provincial de Ourense co obxectivo de “analizar a fórmula para rematar cunha estrada terceiromundista”. Os socialistas lembran que a moción foi aprobada pola maioría do pleno, “pero o entón alcalde Secundino Fernández e os concelleiros e concelleiras do BNG votaron en contra dun arranxo que a veciñanza reclamaba”.

A pesar da aprobación da moción, o Grupo Municipal Socialista de Viana do Bolo observou como o rexedor “non tomaba ningunha decisión ao respecto”, polo que os socialistas optaron pola presentación dunha nova moción, na que solicitaban que se crease unha comisión, integrada por un concelleiro de cada un dos grupos políticos da corporación e que deste xeito, se iniciasen as xestións pertinentes. “Unha vez máis a moción foi aprobada pola maioría do pleno e novamente co voto en contra do BNG e do rexedor Secundino Fernández”, explican os socialistas, que tamén subliñan que “constituída a comisión, Fernández non quixo integrala e delegou nun concelleiro”.

Ante a “inacción e desidia” do por aquel entón rexedor do BNG, os socialistas optaron por novas medidas de presión para dar solución a este problema de Viana e o 1 de xullo de 2018, organizouse unha andaina reivindicativa na que participou gran parte dos veciños e veciñas de Viana. “Como non Secundino Fernández non se sumou a loita da veciñanza para reivindicar os seus dereitos e tampouco estiveron presentes os concelleiros do PP”.

Os socialistas lembran que “froito destas xestións e do traballo” do por entón deputado provincial socialistas e alcalde de Perín, Miguel Bautista, a comisión foi recibida pola Deputación de Ourense e aceptou comezar as negociacións con Endesa, que desembocaron finalmente na sinatura do convenio coñecido. Os socialistas apuntan a que o alcalde por aquel entón, Secundino Fernández, “veuse obrigado deste xeito a estampar a súa firma trala aprobación do convenio pola comisión, polo que non tiña máis remedio que asinar”.

Ante os últimos anuncios do BNG tratando de “colgarse medallas” coa reforma da estrada de San Agostiño, os socialistas optan pola hemeroteca, as actas dos plenos e as novas dos xornais “para corroborar o acontecido e nos que se demostra que os que agora tratan de apuntarse o tanto, non fixeron outra cousa que boicotear e impedir que se arranxase este viario terceiromundista”.

Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo congratúlanse de que por fin haxa solución a este problema e sinalan que “é unha dobre ledicia, primeiro porque a veciñanza conseguiu rachar as barreiras que impedían deixar de ser cidadáns de terceira, e segundo por ver coma os nosos esforzos, xestións, traballo e loita contribuíron de forma decisiva a lograr que Viana do Bolo teñan unha estrada acorde aos tempos que corren, polo que os vianeses e as vianesas estamos de noraboa”.