EMIGRACIÓN SERVIZOS PÚBLICOS

Sentenza sobre arraigamento laboral do Tribunal Supremo

A SECRETARÍA PROVINCIAL DE INMIGRACIÓN DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA SOBRE UNHA “IMPORTANTE” SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO SOBRE ARRAIGAMENTO LABORAL

A sentenza do 25 de marzo permite tomar en consideración os períodos de actividade laboral regular, xa que até o de agora só se podía acreditar mediante existencia dunha resolución xudicial

Luís Gulín, sinala que o arraigamento laboral “pode ser acreditado por calquera medio de proba válido en dereito, incluído, por tanto, os certificados de vida laboral que acrediten unha relación laboral”

Ourense, 22 de abril de 2021. A secretaría provincial de emigración e inmigración do PSdeG-PSOE de Ourense informa sobre unha “importante” sentenza do Tribunal Supremo (Contencioso-Administrativo) do 25 de marzo de 2021 e que afecta directamente os colectivos de inmigrantes xa que permite tomar en consideración os períodos de actividade laboral regular. O secretario de emigración e inmigración dos socialistas ourensáns, Luís Gulín, sinala que o arraigamento laboral “pode ser acreditado por calquera medio de proba válido en dereito, incluído, por tanto, os certificados de vida laboral que acrediten unha relación laboral que poida derivar dunha anterior autorización de residencia que perdese vixencia”.

Até agora, para obter autorización de residencia temporal por circunstancias excepcionais de arraigamento laboral, a Administración requiría que só se podía acreditar exclusivamente mediante a existencia dunha resolución xudicial ou administrativa da inspección de traballo que recoñecese a relación laboral.

“Con todo, a recente sentenza da Sala terceira do Tribunal Supremo de 25 de marzo de 2021, sinala que a finalidade desta vía de regularización da situación é facilitar a regularización e non obstaculizala, de maneira que tras esta sentenza admitirase con flexibilidade a acreditación”, destaca Luís Gulín.

Por tanto, para obter a autorización de arraigamento laboral, a sentenza establece que, “ademais de carecer de antecedentes penais, basta con demostrar, dentro das marxes temporais que indica, a existencia de relacións laborais sen distinción algunha”, afirma Gulín, que tamén apunta a que “iso inclúe calquera relación laboral, as clandestinas, aflorasen ou non ante a Inspección ou os Tribunais, e as non clandestinas, como as que puidesen concertarse ao amparo de anteriores autorizacións de residencia cuxa vixencia expirase”.