concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Leiro piden a posta en marcha dun servizo bono-taxi no municipio

O PSDEG-PSOE DE LEIRO PROPÓN QUE SE REALICE UN ESTUDO PARA A POSTA EN MARCHA DO SERVIZO DE BONO-TAXI NO MUNICIPIO PARA USO DA VECIÑANZA QUE O PRECISE  

Os socialistas consideran que con esta iniciativa poderán beneficiarse centos de veciños empadroados no municipio, que teñan algunha discapacidade ou que se atopen nunha situación difícil no económico

O voceiro do PSdeG en Leiro, Manuel Rodríguez, fai fincapé en que “buscamos facilitar a conciliación familiar e laboral e tamén achegar os núcleos rurais ao núcleo urbano”

Leiro, 23 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Leiro defenderá, no vindeiro pleno municipal que se celebrará o luns día 26 de abril, unha moción na que instan ao Concello a estudar a posta en marcha dun servizo de bono-taxi no municipio para uso da veciñanza que así o precise. Os socialistas consideran que a través desta iniciativa poderán beneficiarse veciños e veciñas que cumpran unha serie de requisitos como estar empadroados en Leiro, ter algunha discapacidade ou toparse nunha situación pola que resulte difícil efectuar os desprazamentos, xa sexa por causas económicas ou de saúde.

Dende a Agrupación Socialista de Leiro consideran que lle corresponde ao Concello “subvencionar” as viaxes segundo determinadas condicións, que previamente deberán “quedar establecidas e recollidas” nunha ordenanza municipal, na que piden que se teña en conta a “renda das persoas solicitantes, a situación familiar, o grao de dependencia, o desprazamento para a visita médica ou se hai algunha discapacidade”.

Para o voceiro socialista en Leiro, Manuel Rodríguez, esta iniciativa “busca facilitar a conciliación familiar e laboral e tamén achegar os núcleos rurais ao núcleo urbano”. O voceiro do PSdeG no municipio insiste en que os maiores, en moitos caos, “teñen que recorrer a un familiar ou a veciños e veciñas para os seus desprazamentos ao médico, ao concello ou a farmacia sen ir máis lonxe”, e subliña tamén que estas persoas “ás veces vense obrigadas a cambiar o seu domicilio ou trasladarse á cidade ou as vilas para vivir cos seus fillos, situación que pretendemos evitar a través desta moción”.

Os socialistas consideran que dadas as circunstancias actuais, na que os veciños e veciñas de Leiro “ven a diario como se encarecen os servizos públicos, o goberno municipal debe darlle respostas e solucións”. A esta situación súmase a “escaseza de transporte público, a gran dispersión xeográfica ou os problemas de mobilidade”, apunta Manuel Rodríguez. Motivos polos cales o Grupo Municipal Socialista considera “moi necesaria” a posta en marcha de servizos que aporten “facilidades” á mobilidade e “axuden a minimizar o illamento” dos maiores e buscan “achegar” os lugares afastados ao núcleo urbano.

Leiro conta a día de hoxe cunha poboación envellecida, na que a meirande parte dos casos viven soas ou acompañadas dalgún familiar que está ausente do fogar practicamente durante todo o día. “Neste contexto, moitas persoas teñen dificultades para trasladarse a facer as xestións ordinarias do día a día e son moitas as desigualdades a nivel servizos que sofren as persoas que viven no rural coas que viven no núcleo”, finaliza Manuel Rodríguez.