INICIATIVAS SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Instamos á Xunta a dar cobertura aos servizos de pediatría e fisioterapia no centro de saúde de Pereiro

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA Á XUNTA DE GALICIA A QUE A “MAIOR BREVIDADE” PROCEDA A COBERTURA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA E FISIOTERAPIA AO CENTRO DE SAÚDE DE PEREIRO

As socialistas critican as promesas “incumpridas” de Feijóo que se comprometera a dar a cobertura de ambos servizos e sinalan que “a veciñanza agarda por servizos prometidos a bombo e platillo”

A parlamentaria dos socialistas ourensáns, Carmen Rodríguez Dacosta, afirma que “xa é hora de que a poboación de Pereiro de Aguiar con 3.500 tarxetas sanitarias teña uns servizos dignos”

Ourense, 23 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través das representantes socialistas no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta e Marina Ortega presentaron unha proposición non de lei en pleno e na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego  na que lle solicitan ao Parlamento que inste á Xunta de Galicia a que a “maior brevidade posible” proceda a cobertura do servizo de pediatría e do servizo de fisioterapia no centro de saúde de Pereiro de Aguiar. As socialistas critican que seis meses despois de presentar iniciativas neste senso o goberno galego “nada fixo para dar cobertura destes servizos esenciais a un municipio no que as cartillas seguen crecendo”.

A parlamentaria autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, subliña que “vémonos na obriga de reincidir neste tema por canto o servizo de pediatría, tan necesario entre a poboación de Pereiro de Aguiar, e cuxa posta en marcha se prometera polo Goberno galego xunto co servicio de fisioterapia, e aínda non están operativos”. E de facer constar que o Concello de Pereiro conta cunha poboación de 6.275 habitantes e o centro de saúde ten adscritas 3.500 tarxetas sanitarias aproximadamente, das cales 275 pertencen a menores de 14 anos. “Xa é hora de que a poboación de Pereiro teña uns servizos sanitarios dignos e acordes ao que precisan”, afirma a deputada socialista, que tamén fai fincapé “nas promesas incumpridas polo señor Feijóo e que fan que a veciñanza sega agardando por servizos que prometeu a bombo e platillo”.

As socialistas tamén presentaron varias preguntas para que sexan respondidas por escrito e de xeito oral tanto no vindeiro pleno autonómico como na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego. “Pedímoslle ao goberno de Feijóo que diga dunha vez cando pensa dotar ao centro de saúde de Pereiro co servizo de pediatría, tal e como se comprometera o Goberno galego”, explica Dacosta, que apunta que “tamén lle pedimos resposta sobre o servizo de fisioterapia, do que a día de hoxe tampouco temos novas sobre a súa posta en funcionamento no novo centro de saúde.

Dende o PSdeG lembran que en outubro do ano 2020, o Grupo Parlamentario Socialista presentaba unha iniciativa en relación ao centro de saúde de Pereiro de Aguiar, que se fundamentaba en que en novembro de 2017, o goberno galego anunciaba a construción dun novo centro de saúde, ante a falta de espazos axeitados para atención dos e das pacientes adscritos ao centro. Petición que xa fora feita polo Grupo Municipal Socialista no ano 2017, presentando ao efecto unha moción na que solicitaba á Xunta de Galicia a construción dun centro de saúde con dotación de medios materiais e humanos suficientes para as necesidades de poboación, con especialidades novas en pediatra, fisioterapia e Atención Primaria, xunto co persoal sanitario necesario, dado que o actual atopábase nunha situación precaria por falta de espazo, ocupando parte do edificio do Concello.

A Mesa de Contratación da Axencia Galega de Infraestruturas publicou en outubro do ano 2018, a proposta de construción dos traballos e a empresa gañadora do concurso. Unha obra licitada por 1.124.785 euros, contando o edificio cunha superficie de 682 metros cadrados, aumentando un 54% o espazo actual, así mesmo, no interior a nova infraestrutura ten tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, unha sala polivalente, unha consulta de muller, e un área de pediatría específica de 90 m² (15 % da superficie do centro). En data 16 de novembro do ano 2018 se formalizaba un contrato cunha duración de 16 meses.