Concello de Ourense Política social

Reivindicamos o imprescindible labor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE REIVINDICA O “ENORME LABOR” DA ASOCIACIÓN DE FAMILIARES DE ENFERMOS DE ALZHÉIMER DE OURENSE COMO CENTRO ESPECIALIZADO DE REFERENCIA A NIVEL GALEGO

Os socialistas mantiveron un encontro de traballo representantes de AFAOR co fin de coñecer e dar voz ás demandas do único centro especializado na doenza de Alzhéimer da provincia

Defenden o “papel esencial” que desempeñan as organizacións sen ánimo de lucro e esixen ao microgoberno un “cambio de rumbo radical” para colocar a área social no centro da acción política

Ourense, 24 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de visitar as novas instalacións da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) onde o voceiro da agrupación municipal, Rafa Villarino, mantivo un encontro de traballo con representantes da entidade, co fin de coñecer e dar voz ás súas demandas.

Os socialistas reivindican o “imprescindible labor” que leva a cabo a asociación na atención a persoas afectadas pola doenza de Alzhéimer e aos seus coidadores, a través do desenvolvemento de accións terapéuticas, informativas e formativas executadas por un extenso equipo humano. “Non só se trata do único centro especializado nas demandas particulares das persoas diagnosticadas con este tipo de demencia en toda a provincia, senón que é un referente a nivel galego”, asegurou Villarino, quen engadiu, ademais, que “esta entidade está a xerar emprego cualificado”.

O voceiro socialista, Rafa Villarino, acompañado de representantes de AFAOR ás portas das súas novas instalacións, no barrio de Barrocás.

Así as cousas, os socialistas lamentan que dende o goberno municipal non se estean a destinar os recursos económicos necesarios para garantir que entidades como AFAOR poidan seguir realizando o seu traballo “con dignidade” e pídenlle a Jácome un “cambio de rumbo radical” para colocar a área social no centro da acción política.

“As organizacións do terceiro sector vense obrigadas a recorrer á axuda de entidades colaboradoras ou doutras administracións que as amparen porque son ignoradas por parte do Concello”, denuncian dende o grupo municipal.

“Ourense segue a ser a cidade galega cos servizos sociais máis colapsados e coas listas de agarda máis longas”, lamentan dende o grupo municipal socialista, ao tempo que critican que Jácome siga máis preocupado de “infraestruturas megalómanas inviables” que de atender as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade ou emerxencia social.