concellos Denuncias

Os socialistas de Lobios denuncian o abandono da poza termal exterior de Río Caldo

O PSDEG-PSOE DE LOBIOS DENUNCIA A SITUACIÓN DE “ABANDONO TOTAL” DA POZA TERMAL EXTERIOR PÚBLICA DE RÍO CALDO CONVERTIDA NUN “VERTEDOIRO” ANTE O DESLEIXO DO CONCELLO

Os socialistas consideran que o goberno municipal debe coidar un dos recursos “máis prezados do municipio” e consideran “inadmisible” a situación na que se atopa a terma de río Caldo

O concelleiro socialista, David Fernández, pregúntase se “este é o modelo termal de Baltar?, cunhas instalacións cheas de lixo, ao aire libre e sen ningún tipo  de control nin coidado”

Lobios, 26 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia a situación de “total abandono” na que se atopa a única poza termal exterior situada en río Caldo, a carón do balneario. Os socialistas critican o desleixo do grupo de goberno municipal do Partido Popular, ao que acusan de “non prestarlle atención” ao único recurso termal público do municipio, convertendo unha terma nun “vertedoiro” no que se acumula o lixo sen que o Concello proceda a limpeza da mesma.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que está situación “é inadmisible” nun municipio que a Deputación de Ourense e o seu presidente queren vender como vila termal. Critican que os visitantes atópanse cunha instalación na que a auga fai semanas que está estancada, na que a poza non se baleira e na que o lixo acumúlase dando unha imaxe de “desleixo total e impropia para os turistas que nos visitan cada fin de semana”.

Para o concelleiro socialista en Lobios, David Fernández, este “é un exemplo máis do abandono ao que nos teñen sometidos dende o Concello e dende a propia Deputación. Fernández pregúntase se “este é o modelo termal de Baltar?, cunhas instalacións cheas de lixo, ao aire libre, sen ningún tipo de peche, control nin coidado” e laiase tamén “da imaxe negativa que levan os e as turistas que nos visitan cada fin de semana”. O concelleiro explica que “é certo que na actual situación de pandemia non se pode empregar a terma”, pero apunta que “o mínimo é tela baleira e nunhas condicións de limpeza dignas”.

Os socialistas urxen ao grupo de goberno municipal a que “actúe de inmediato” para por fin a esta situación de desleixo e apuntan a que “manter Lobios limpo depende de todos e cada un dos veciños e veciñas, pero especialmente do Concello, que debe apostar por unha maior limpeza nun entorno como río Caldo e na única terma de uso público exterior que temos na zona”. Consideran “inadmisible” a situación e piden solucións e que “se aposte de verdade polo termalismo e non simplemente para buscar titulares nos xornais é subvencións como as do programa Raia Termal nas que ao final levan catro empresas os cartos, cando a situación é a que se pode ver nas imaxes”.