Concello de Ourense PATRIMONIO

Reclamamos consenso e unidade de acción en Ourense para a aprobación do PEPOU en 2021

O PSDEG-PSOE APELA AO CONSENSO PARA A APROBACIÓN DO PLAN ESPECIAL DAS BURGAS, UN PROXECTO CRUCIAL PARA O DESENVOLVEMENTO URBANO, TERMAL E TURÍSTICO DE OURENSE

Os socialistas afrontan a reunión da comisión de seguimento do PEPOU coa firme vontade de axilizar a tramitación do documentoe poñen en valor o enorme traballo dos técnicos municipais

Aseguran que estamos ante unha oportunidade histórica para proporcionarlle ao centro neurálxico da cidade unha normativa despois de 30 anos de abandono

Ourense, 26 de abril de 2021. O PSdeG-PSOE apela ao consenso e á unidade de acción para a aprobación, neste ano 2021, do Plan Especial de Protección do sitio de interese histórico das fontes termais de As Burgas e do conxunto de interese histórico da cidade de Ourense (PEPOU), un proxecto que “representa unha oportunidade histórica para darlle ao centro neurálxico da cidade unha normativa despois de 30 anos de abandono” e que os socialistas consideran “crucial para o desenvolvemento urbano, termal e turístico de Ourense”.

Así o manifestan na véspera da celebración da comisión de seguimento do PEPOU, unha reunión que o grupo considera que chega “demasiado tarde” pero que afrontan coa “firme vontade de axilizar a tramitación do documento”, xa moi avanzado por parte dos técnicos municipais.

“Queremos pór en valor o traballo e compromiso amosado por parte dos traballadores municipais desta área e urximos decisións para sacar do abandono un proxecto de vital importancia para a cidade, cuxa parálise por mor da inacción do goberno municipal repercute no empeoramento da situación do noso casco histórico”, aseguran dende o grupo municipal socialista.

Así mesmo, anuncian que insistirán na necesidade dunha nova cartografía e lembran a “insuficiencia orzamentaria” da partida consignada polo bigoberno PP-DO para a súa redacción, cuxo custe estimado é de 300.000 euros en contraposición aos 240.000 dispoñibles actualmente para este fin.

Os socialistas adiantan que manifestarán a súa oposición a calquera posible edificación na parcela do Xardín das Burgas e defenderán a necesidade de tomar unha decisión sobre a localización definitiva do novo Hotel Balneario da cidade. Así mesmo, solicitarán o compromiso do goberno municipal co desenvolvemento das vindeiras fases de rehabilitación da Praza de Abastos e a conexión do conxunto co paseo fluvial do Barbaña e co complexo cultural de

San Francisco. Neste sentido, tamén estiman esencial traballar na posta en valor do Cemiterio de San Francisco –declarado Ben de Interese Cultural (BIC)– para integralo “como elemento diferencial” dentro desta zona.

“Un dos obxectivos que consideramos primordial é o de favorecer a accesibilidade ao epicentro turístico e termal da segunda cidade cun maior patrimonio histórico-artístico de España, conxugando tamén a actividade hostaleira e comercial, e establecendo un orde nos usos que, a día de hoxe, non existe”, destacan os socialistas.

A respecto do casco histórico, os concelleiros socialistas reivindicarán a súa dinamización a través dun plan específico de acceso á vivenda para a xente moza, unha proposta que “xa foi apoiada polo resto de grupos no pleno do Concello do mes de xaneiro de 2020”, lembran.

“A radiografía do casco histórico amosa cada día máis pisos e casas abandonadas, polo que debemos tomar a iniciativa para reverter a tendencia, controlando así mesmo a proliferación de pisos turísticos e valorando a dotación de zonas de aparcamento gratuíto”, conclúen os socialistas.