Denuncias Deputación de Ourense

O PP de Ourense e a tránsfuga Lama impiden honrar a vítimas de ditaduras e retirar símbolos antidemócratas

BALTAR E A DEPUTADA TRÁNSFUGA, MONTSE LAMA, IMPIDEN RETIRAR SIMBOLOXÍA FRANQUISTA, FASCISTA E ANTIDEMOCRÁTICA E HOMENAXEAR ÁS VÍTIMAS OURENSÁNS DAS DITADURAS

Rafa Villarino reclamou que se “respecte” ás vítimas e se asuma a realidade do que pasou”, porque “nin é ineficaz nin é totalitario pedir que se cumpra a legalidade” e se “honre” a quen foi represaliado

Ourense, 30 de abril de 2021. O goberno provincial do PP de Manuel Baltar e a deputada tránsfuga, Montse Lama, veñen de impedir a retirada de simboloxía franquista e antidemocrática e homenaxear ás vítimas do golpe de estado, a guerra civil, a ditadura e o nazismo en Ourense. Os socialistas tamén reclamaban que a Deputación deixe de conceder subvencións a concellos, asociacións ou entidades que manteñan simboloxía franquista ou fascista, incumprindo a lexislación sobre memoria histórica e democrática, pero tamén votaron en contra.

O voceiro, Rafa Villarino, asegurou que as peticións dos socialistas son “asumibles” e proclamou a “necesaria unión de todos os grupos políticos” porque “é un ben para todos e todas, para evitar que se volva repetir e, sobre todo, para honrar ás persoas que padeceron estes terribles feitos”. “A Deputación debe dar máis pasos neste sentido porque estamos a falar da dignidade de moitos veciños e veciñas”, reclamou.

“Pídolles que non retrocedan e non volvan atrás”, proclamou o deputado recordando que o PP xa votou a favor dunha iniciativa similar –non conceder axudas a quen exalte o fascismo– no ano 2017. Mais o acordado anteriormente polo pleno non serviu para evitar o veto dos conservadores e a tránsfuga. O voceiro do PSdeG-PSOE, unha vez máis, reclamou “restaurar a dignidade do pobo”, aprobando a iniciativa para “reparar a honra das vítimas”, pero tamén porque “é obriga dos demócratas cumprir a lei e o que pedimos está no BOE”.

Villarino resaltou “as escusas sobre a legalidade” dos preceptos recollidos na lei esgrimidas polos grupos que non queren honrar ás vítimas. “O que pedimos é que se respecte ás vítimas e se asuma a realidade do que pasou aquí”, insistiu porque “nin é ineficaz nin é totalitario pedir que se cumpra a legalidade”.

A moción tamén reclamaba que a Deputación se sume ao proxecto ‘Adoquines para o recordo’ da Fundación Stolpersteine, co fin de instalar placas identificativas no chan en memoria dos veciños e veciñas da provincia –case medio cento segundo documentou o investigador Eladio Anxo Fernández– deportados a campos de concentración e exterminio nazis..

Igualmente pedía instar á Xunta á aprobación dunha Lei de Memoria Democrática de Galicia, porque “é indispensable contar cun abano normativo propio” para afondar neste “deber legal e moral”. Andalucía, Aragón, Catalunya, Castilla y León ou Euskadi xa contan con lexislación propia que permite adaptar ás súas peculiaridades o marco global aprobado polas Cortes Xerais ou os acordos internacionais suscritos por España.


“En España a ditadura durou 40 anos e en Beade xa vamos por 80”

Benito Cibeira, veciño de Beade

Benito Cibeira é veciño e edil no municipio de Beade, en Ourense. Neste video explica cómo é vivir cun alcalde franquista en pleno 2021, un rexedor que se nega a cambiar as honras e louvanzas a ditarores e golpistas e que tampouco quere honrar ás vítimas das ditaduras. Non é o único caso desta anomalía democrática no contexto europeo, pero si é un dos máis significativos.