Deputación de Ourense INICIATIVAS

A Deputación de Ourense aproba actuar contra a soidade non desexada grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE

A DEPUTACIÓN DE OURENSE APROBA, GRAZAS AO PSOE, INSTAR A XUNTA DE GALICIA A PÓR EN MARCHA CANTO ANTES UN PLAN INTEGRAL MULTIDISCIPLINAR CONTRA A SOiDADE NON DESEXADA

A deputada, Marga Pérez, explicou que “estamos ante realidades silenciadas” que “a pandemia da Covid-19 amosou e agudizou”, polo que reclamou “actuacións coordinadas” de todas as administracións públicas

Ourense, 30 de abril de 2021. Os socialistas promoveron hoxe na Deputación Provincial instar ao goberno galego á aprobación urxente dun plan integral contra o «grave problema» da soidade non desexada. Na iniciativa reclámase unha diagnose e, de xeito prioritario e en función dos resultados desde estudo, a aprobación dun plan galego para actuar ante este fenómeno que afecta fundamentalmente a persoas maiores. A proposta foi aprobada cos votos a favor de todos os grupos políticos da corporación e da tránsfuga non adscrita.

A deputada, Marga Pérez, explicou que “estamos ante realidades silenciadas” que “a pandemia da Covid-19 amosou e agudizou”, polo que reclamou “actuacións coordinadas” de todas as administracións públicas. “Desde todas as institucións debemos amosar unha maior concienciación ante este problema” e “aínda que non sexa da nosa competencia directa, é moi necesario termos este debate para a súa visibilización”, matizou. “É moi relevante porque estamos a falar de persoas e non de cousas intanxibles”, salientou.

A representante socialista recordou que, hai máis dun ano, que a Xunta anunciou un plan de actuación destinado ás persoas en situación de soidade non desexada sen que, polo de agora, o goberno galego fixese nada. “A situación está a agravarse e, polo de agora, seguen a ser persoas abandonadas”, así que “nin podemos nin debemos agardar máis”. “A soidade é un dos maiores riscos de deterioro da saúde na actualidade”, recordou antes de concluír aseverando que “desexamos que se dote, canto antes, por parte da Xunta, dun orzamento dabondo para solucións viables”.

Marga Pérez

No caso de Ourense, o IGE cifra nuns 17.000 veciños e veciñas de máis de 65 anos os afectados e afectadas por este fenómeno, o que representa, aproximadamente, o 5,5 % dos habitantes da provincia. Tamén destapa que máis do 13 % dos fogares están conformados por persoas maiores soas.