concellos INICIATIVAS SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Solicitámoslle á Xunta que incremente as horas do SAF en Punxín

O PSDEG-PSOE INSTA Á XUNTA A QUE INCREMENTEN AS HORAS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DE PUNXÍN PARA EVITAR AS LISTAS DE AGARDA Á VECIÑANZA EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

A deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, considera que esta “é unha reivindicación xusta” e que a Consellería de Política Social “ten que dar de forma urxente cobertura a estas necesidades”

A voceira do PSdeG en Punxín, Lorena Peleteiro, subliña que ante a “incompetencia e a nefasta xestión do goberno municipal, temo que ser as socialistas as que traballemos e loitemos a prol da veciñanza”

Punxín, 5 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, a que incrementen as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Punxín por encima das horas concedidas no programa individual de atención e evitar deste xeito as listas de agarda na veciñanza en situación de dependencia. O Grupo Municipal Socialista de Punxín tamén defenderá no vindeiro pleno unha moción na que instan ao grupo de goberno municipal a que de maneira “urxente” lle solicite a Consellería de Política Social a asignación dun maior número de horas do servizo, que en todo caso sexa “suficiente” para cubrir a demanda existente e permita a prestación dunha atención de calidade.

Así o reclamaron esta mañá nas portas do Concello a voceira socialista, Lorena Peleteiro, e a deputada no Parlamento, Marina Ortega, que aproveitaron para denunciar o “caos e o abandono” que reina en Punxín da man do actual goberno municipal formado polo PP e un concelleiro non adscrito. As socialistas consideran “urxente” afondar na problemática do servizo de axuda no fogar no municipio e dar “solucións” a veciñanza que “máis o precisa nestes momentos de pandemia”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro, subliñou que ante a “incompetencia e a nefasta xestión” do goberno municipal “temos que ser as socialistas as que loitemos e traballemos pola nosa veciñanza”. A socialista aproveitou para apuntar que o goberno municipal “non só non é capaz de xestionar o Servizo de Axuda no Fogar, senón que se nega a que os demais colaboremos para mellorar este servizo tan esencial, rexeitando propostas do PSOE como a creación dunha comisión de seguimento deste servizo”.

Peleteiro considera que “dende fai tempo vimos advertindo a escaseza de horas coas que conta o Concello para a prestación da axuda no fogar”, polo que considera que o alcalde e o grupo de goberno “deixan abandonada á veciñanza”. A voceira socialista apunta a que “a día de hoxe non contamos cunha bolsa de horas para a prestación do servizo, e o que é máis graves, persoas que xa teñen recoñecido este servizo, non poden recibilo tal e como o teñen recoñecido”. Por este motivo dende o Grupo Muncipal Socialista consideran que “é urxente” traballar neste senso “co fin de evitar listas de agarda” e reivindican “a necesidade de que Punxín conte cun goberno mellor, que traballe a prol da veciñanza e non de costas a ela”.

Pola súa banda a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, considera que esta “é unha reivindicación xusta” e pon de manifesto que aos socialistas “chámanos moitísimo a atención que un concello que en 2019 tiña dispoñibles 76 horas do Servizo de Axuda no Fogar, non teña horas dispoñibles no momento no que a poboación máis o precisa”. A parlamentaria socialista tamén apunta a que “hai persoas que teñen recoñecidas as horas do SAF a través do programa de atención individual, uns dereitos que garante a Lei de Dependencia, pero que en Punxín non se están a cumprir”. Por este motivo considera que a Consellería de Política Social “ten que dar de forma urxente cobertura a estas necesidades da cidadanía”.

Ortega tamén puxo o foco no rural afirmando que as persoas do rural “teñen que ter os mesmos dereitos que o resto de persoas que viven noutros lugares e así o vimos de reivindicar tamén a través dunha batería de iniciativas no Parlamento, no que instamos a Xunta a reverter esta situación canto antes e de xeito urxente”. A deputada socialista afirma que “hai recursos suficientes para dar cobertura a toda a cidadanía cando máis o precisa e especialmente no caso dos servizos sociais, fundamentais nestes momentos”.

A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense tamén subliñou que o PSOE de Punxín “non pide nin máis nin menos, simplemente igualdade de oportunidades respecto a outros territorios”. Ortega apunta tamén a que se o alcalde “non se ve capaz ou con ánimo de traballar, polo menos que se deixe aconsellar e nutrir polo PSOE, que leva feito moi boas propostas e a altura das circunstancias e que o grupo de goberno municipal votou en contra”.

As socialistas tamén preguntarán na Comisión 5.ª, Sanidade, Política Social e Emprego e no vindeiro pleno se a Consellería de Política Social ten previsto aumentar o número de horas do SAF no Concello de Punxín e se ten previsto incrementar a cota de financiación do SAF para liberar da carga que supón nas arcas municipais nos concellos galegos o incremento do prezo de dito servizo.