concellos Denuncias

As socialistas de Punxín denuncian o escurantismo do goberno municipal que se nega a facilitar información á oposición

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA O “ESCURANTISMO” E A FALTA DE TRANSPARENCIA DO GRUPO DE GOBERNO QUE NON FACILITA A DOCUMENTACIÓN SOLICITADA POLAS SOCIALISTAS

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o goberno municipal está incumprindo de xeito “sistemático e reiterado” a lei ao non facilitar a documentación solicitada por rexistro pola oposición

Para a voceira socialista, Lorena Peleteiro, esta é unha “mostra máis” da forma de gobernar do PP e de Eulogio González con “prácticas totalmente rancias, antidemocráticas e caciquís”

Punxín, 14 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia un novo episodio de “escurantismo” e ausencia total de transparencia por parte do goberno municipal conformado polo Partido Popular e polo concelleiro non adscrito, Eulogio González. As socialistas relatan que o goberno non facilita a información solicitada pola oposición a través do rexistro, “poñendo todas as trabas posibles” á labor e o traballo do Grupo Municipal Socialista, que os acusa de “saltarse reiteradamente a lei” negándolle á oposición a información requirida.

As concelleiras socialistas lémbranlle aos populares e ao concelleiro non adscrito que entre as tarefas e deberes da oposición está a de exercer un control sobre o goberno, realizando unha labor fiscalizadora “polo ben da nosa veciñanza”. As socialistas apuntan a que “parece que solicitar información lles molesta, pois non nos responden a numerosas solicitudes”. Unha situación que para o Grupo Municipal Socialista “é unha vulneración dun dos dereitos fundamentais das concelleiras, como é o acceso a información”, polo que lle piden que “deixen de actuar con prácticas rancias, antidemocráticas e caciquís e non menosprecen á oposición e á veciñanza”.

Para a voceira das socialistas de Punxín, Lorena Peleteiro, a actitude do equipo de goberno “está tomando unha deriva moi preocupante”, motivo polo que anuncian que “non descartamos tomar as medidas que a lei pon a nosa disposición, incluso coa presentación dunha demanda co obxecto de reconducir esta grave situación antidemocrática que se da no noso concello”.

As socialistas consideran que o dereito a información debe ser “inviolable” e que como oposición “teñen que ter resposta ante as demandas presentadas seguindo as vías oficiais e mediante rexistro ou a través de preguntas orais no pleno”. “Punxín non pode seguir nin un minuto máis sumido no escurantismo dun grupo de goberno que nin traballa a prol da veciñanza, nin permite que as socialistas o fagamos”, denuncia Peleteiro.