obras Xunta

Pedimos a Xunta e Concello de Ourense que respecten a vontade da veciñanza e paralicen a construción da senda de Reza

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICITA Á XUNTA E AO CONCELLOQUE RESPECTEN A VONTADE VECIÑAL E PARALICEN DE XEITO INMEDIATO O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DA SENDA PEONIL EN REZA

Os socialistas poñen en valor “a loita e a unidade” da veciñanza de Reza, que expresou o seu “non unánime” ao proxecto da Xunta a través dunha asemblea veciñal celebrada o pasado 6 de maio 

Instan ao Concello a cumprir os acordos plenarios do mes de abril e proceder á reforma integral do parque 25 de novembro, en estado de abandono pola desidia do microgoberno

Ourense, 14 de maio de 2021. O PSdeG-PSOEde Ourense solicita á Xunta e ao Concello que respecten a vontade veciñal e paralicen de xeito inmediato o procedemento de exposición pública e de expropiación posto en marcha para a construción da senda peonil na OU-402 treito Reza, despois de que os propios veciños trasladasen o seu “non unánime” ao proxecto do goberno autonómico a través dunha asemblea veciñal celebrada o pasado 6 de maio.

Dende o grupo municipal socialista aseguran que, despois de varias reunións de representantes da Xunta de Galicia cos veciños e veciñas, os propios representantes do executivo galego derivaron na veciñanza a decisión de levar a cabo ou non este proxecto.

“A resposta dos veciños e veciñas de Reza foi clara e incontestable, polo que reclamamos tanto á Xunta como ao Concello que respecten a vontade popular expresada de forma democrática e confirmen oficialmente que paralizan o proxecto de construción da senda peonil de Reza” demandan os socialistas.

Ademais, poñen en valor “a loita e a unidade” da veciñanza de Reza, que consideran “un exemplo” do que cómpre tomar nota antes de levar a cabo actuacións dende as institucións. Neste sentido, subliñan que “o único que demanda este núcleo de poboación é a humanización da zona” e acusan ao goberno galego de “actuar de costas e en prexuízo da veciñanza”.

Así, lembran que o pasado mes de marzo a Consellaría de Infraestruturas anunciaba o inicio dun procedemento de expropiación dos terreos afectados para a construción da senda de Reza “pola porta de atrás”, despois de que o proxecto estivera dous anos e medio pechado nun caixón pola presión social e política en contra da súa execución.

Parque 25 de novembro

Por outra banda, os socialistas esixen que goberno local dea cumprimento aos acordos plenarios do mes de abril e proceda, á maxima brevidade, á reforma integral do parque de Reza, coñecido como Parque 25 de novembro.

“Estamos a falar dunha zona historicamente castigada, que ademais está localizada nun enclave privilexiado, á beira do río Miño, e que precisa de actuacións como a posta en valor do seu parque para continuar avanzando e superar os agravios do pasado”.