Concello de Ourense cultura

O Concello de Ourense é o único das sete grandes cidades galegas sen programación de actos para o Día das Letras

O PSDEG-PSOE CUALIFICA DE “VERGOÑENTO” QUE O CONCELLO DE OURENSE SEXA O ÚNICO DAS SETE GRANDES CIDADES GALEGAS QUE CARECE DE PROGRAMACIÓN DE ACTOS PARA O DÍA DAS LETRAS

Os socialistas acusan a Jácome de empregar a COVID como “escusa para aniquilar un día histórico para a lingua e a cultura galegas” e auguran un “éxodo cultural” cara a outras urbes ou localidades

Defenden a importancia de fomentar o coñecemento e uso da lingua galega dende as institucións para contribuír a deter o seu preocupante deterioro e apelan á responsabilidade do executivo local

Ourense, 15 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia que o Concello de Ourense é o único dos gobernos locais das sete grandes cidades galegas que non puxo en marcha ningún tipo de  programación de actos para o Día das Letras Galegas 2021, algo que os socialistas cualifican de “vergoñento e indignante”. Así as cousas, acusan a Jácome de empregar a COVID-19 como “escusa para aniquilar un día histórico para a lingua e a cultura propias sen contar sequera cun plan adaptado á situación sanitaria, como acontece en Concellos máis pequenos e con menos recursos”. 

Dende o grupo municipal socialista aseguran que “todos os gobernos das grandes cidades galegas fixeron os deberes e organizaron unha programación variada, que abrangue dende concertos ata recitais, pasando por actividades infantís ou carreiras populares para conmemorar o legado literario de Xela Arias; excepto o microgoberno de Ourense, que non fixo absolutamente nada” polo que auguran un “éxodo cultural” cara a outras urbes ou localidades que ofrezan alternativas ao “baleiro” da terceira cidade de Galicia.

A homenaxeada no Día das Letras 2021, Xela Arias.

Neste sentido, os socialistas poñen como exemplo o programa cultural organizado polo Concello de Ribadavia co gallo do Día das Letras Galegas, que ofrece un amplo abano de actividades dende o pasado día 14 de maio ata o vindeiro luns, día 17. Así mesmo, sinalan que o Concello de Verín vén de pór en marcha un novo formato dixital que permite manter viva a celebración limitando a presencialidade, a través da iniciativa “Lectura nas Redes”.

“Trátase dunha cuestión de vontade política. Ao alcalde non lle importa o Día das Letras Galegas porque só está preocupado de cambalaches como o da Universidade Popular, que lle permitan afianzar o seu ambiguo futuro político no Concello”, manifestan.

Por último, dende o grupo municipal socialista fan fincapé na importancia de fomentar o coñecemento e uso da lingua galega dende as institucións para contribuír a deter o seu preocupante deterioro.

“Os datos sobre o emprego da lingua entre a cativada son alarmantes. Temos unha lingua propia que hoxe, máis que nunca, se atopa en perigo de extinción, polo que demandamos que o executivo local se comprometa coa súa defensa e asuma dunha vez por todas a parte de responsabilidade que lle corresponde”, conclúen.