Concello de Ourense termalismo

Esiximos a reapertura inmediata dos espazos públicos termais de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SECUNDA AS REIVINDICACIÓNS DA PLATAFORMA DE USUARIOS DAS TERMAS E INSTA AO CONCELLO Á REAPERTURA  INMEDIATA DOS ESPAZOS PÚBLICOS TERMAIS

Os socialistas lamentan que os visitantes que chegaron a Ourense na ponte das Letras Galegas atopasen as pozas públicas pechadas e alertan do “éxodo termal” cara a outras zonas da provincia

Denuncian o “absoluto desamparo” que sofre a contorna termal das pozas do Muíño, onde o Concello non está a realizar tarefas básicas de mantemento como a recollida do lixo ou o coidado das zonas verdes

Ourense, 21 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de retomar a súa rolda de contactos do termalismo cun encontro de traballo con representantes da Plataforma de Usuarios das Termas –un colectivo que defende a reapertura da oferta pública termal e a posta en valor dos mananciais da cidade–. Na xuntanza, os socialistas amosaron a súa disposición a apoiar as reivindicacións da asociación, ao tempo que avogaron por buscar solucións “sustentables e de futuro” co fin de “evitar que a maior riqueza de Ourense caia no absoluto abandono e desaparición”.

“Primeiro hai que poñer as termas en funcionamento coa debida limpeza e hixiene e despois hai que adaptalas o máis rápido posible á nova nova Lei de Regulación do Aproveitamento Lúdico das Augas Termais”, defendeu o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, que censurou que Jácome “se ampare nun cambio lexislativo perpetrado polo Partido Popular para dar o carpetazo definitivo ao termalismo de Ourense”.

Representantes da Plataforma Amigos das Termas durante a reunión cos socialistas.

“A ponte das Letras Galegas puxo de manifesto que o peche termal está a facer mella sobre o potencial turístico de Ourense, ademais de crear un éxodo termal cara a outras zonas da provincia como O Ribeiro”, sinalou Villarino. “As longas colas nas termas privadas de Outariz durante a fin de semana amosan que as augas termais son un importante motor para o turismo da cidade, polo que o microgoberno debe tomar nota e recuperar, canto antes, as pozas públicas”, engadiu o socialista.

As termas do Muíño, “desamparadas”

Ademais, os socialistas denuncian o “absoluto desamparo” que sofre a contorna termal das pozas do Muíño, onde o Concello non está a realizar tarefas básicas de mantemento como son a recollida do lixo das papeleiras ou o coidado e conservación das zonas verdes.

“O Paseo das Ninfas está invadido pola vexetación, cheo de fochancas e co mobiliario estragado; e agora a contorna das termas do Muíño está en estado selvático, coa herba sen cortar e as papeleiras ateigadas de lixo”, condenan.

Desde o grupo socialista adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes sociais para “unir forzas a favor da posta en valor da riqueza termal e xeotérmica de Ourense”.