INICIATIVAS SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Esixímoslle ao goberno da Xunta que cubra a baixa laboral do médico do centro de saúde de Leiro

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESÍXELLE A FEIJÓO QUE CUBRA A BAIXA LABORAL DO FACULTATIVO DE ATENCIÓN PRIMARIA DO CENTRO DE SAÚDE DE LEIRO CON CARÁCTER DE “URXENCIA”

A parlamentaria socialista Marina Ortega resaltou que a veciñanza de Leiro “ten os mesmos dereitos que o resto de galegos a recibir unha atención sanitaria digna e acorde coas súas necesidades”

Manuel Rodríguez puxo o foco no “inmobilismo” do actual alcalde ao que acusou de “non mover un dedo pola veciñanza”, namentres que Nacho Gómez lembrou que os socialistas “somos os únicos que facemos oposición e fronte aos atropelos do PP na provincia”

Leiro, 21 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense compareceu esta mañá ante os medios de comunicación diante do centro de saúde de Leiro para denunciar o desmantelamento sanitario levado a cabo polo goberno da Xunta de Galicia, encabezado por Núñez Feijóo. Os socialistas denunciaron que Leiro perdeu un facultativo de atención primaria polo que instan ao goberno galego a que cobra esta baixa laboral con carácter de “urxencia”, garantindo as dúas prazas de médico ante casuísticas como a baixa laboral, vacacións ou xubilación.

Para os socialistas é fundamental “blindar” a sanidade pública co obxectivo de poder mellorar a “seguridade” da cidadanía fronte o coronavirus, motivo polo que apostan polo “reforzo” da atención primaria. No centro de saúde de Leiro, un dos facultativos atópase de baixa laboral dende hai meses, pero o Sergas non procedeu a cubrir esta vacante de forma regular. “As consecuencias para a veciñanza son negativas, dado que se trata dunha poboación cun índice de envellecemento alto e dentro dun contexto de pandemia que o fai aínda máis preocupante”, apuntan dende o PSdeG-PSOE de Ourense.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, na que estiveron presentes a parlamentaria autonómica dos socialistas ourensáns, Marina Ortega; o voceiro do grupo municipal socialista en Leiro, Manuel Rodríguez; e o vicevoceiro e deputado provincial, Nacho Gómez, os socialistas deixaron claro que “é de vital importancia solucionar a ausencia dun dos médicos canto antes para evitarlle máis problemas a poboación de Leiro”.

A primeira en tomar a palabra foi a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Marina Ortega, que fixo fincapé en que “hoxe estamos en Leiro por un motivo de xustiza como é reclamar o fin do desmantelamento sanitario que o PP está a levando a cabo neste municipio”. A parlamentaria autonómica apuntou a que “os veciños e as veciñas de Leiro merecen unha sanidade pública de calidade e en igualdade de condicións ao resto de concellos”. Tamén puxo o foco no momento de pandemia que estamos a padecer, alegando que “non podemos permitir que se recorte na nosa sanidade pública e que a veciñanza o sufra no medio dunha situación socio sanitaria como a que estamos a vivir”.

Ortega considera “urxente” que o goberno galego dea un paso ao fronte e “deixe atrás” a política de recortes na sanidade pública e nos servizos no rural, xa que considera que “é o que máis lle doe a veciñanza”. A parlamentaria socialista apunta a que esta situación deixa entrever “un trato desigual para a veciñanza de Leiro” e salienta que “non pedimos máis nin menos, senón os mesmos servizos que ten a veciñanza doutras cidades e concellos”. Finalizou apuntando a que “polo feito de vivir no rural non se poden rebaixar os dereitos da veciñanza”.

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal socialista en Leiro, Manuel Rodríguez, puxo o foco no “inmobilismo” do grupo de goberno municipal ante unha situación que considera un “parche camuflado” e acusou ao rexedor do Partido Popular de “non mover un dedo pola veciñanza, non vaia ser que lle chamen a atención dende a Xunta por reclamar uns servizos sanitarios dignos”. O voceiro socialista tamén fixo fincapé en que dende o grupo municipal “seguiremos a loitar por defender os dereitos e intereses da nosa veciñanza, ante os atropelos do goberno municipal do Partido Popular”.

Rodríguez tamén lembrou que os socialistas de Leiro “levamos meses presentando iniciativas e escritos para que o Concello cumpra coa súa obriga de esixirlle á Xunta uns servizos sanitarios dignos, pero atopámonos de pleno co rexeitamento do alcalde e do seu grupo de goberno”. Neste senso puxo de manifesto que tanto as mocións como os escritos presentados “non foron tomados en consideración”.

Por último o deputado provincial socialista na comarca do Ribeiro e vicevoceiro do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense, Nacho Gómez, apuntou a que o PSdeG-PSOE de Ourense “é o dique de contención contra todos os atropelos do PP” e sinalou tamén que “somos o único grupo que fai oposición, namentres outros presumen, pero cando chega o momento non aparecen para reclamar uns servizos dignos como si facemos os socialistas”.

O deputado provincial aproveitou para destacar o traballo dos socialistas da comarca que pararon o peche do centro de saúde en Cenlle, a perda de servizos do centro de saúde de Ribadavia ou a reposición do servizo de raios tanto en O Carballiño como no Ribeiro. “Somos os únicos que defenden os intereses desta comarca e que traballan a diario na loita contra o desmantelamento sanitario”, apuntou Gómez, antes de finalizar afirmando que  “seguiremos loitando pola veciñanza da nosa provincia e non vamos a perder nin un segundo en saír en defensa dos seus dereitos”.

O PSdeG presentou no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas na que instan á Xunta de Galicia a cubrir esta praza do facultativo de atención primaria e realizaron varias preguntas neste senso, nas que cuestionan o goberno galego se considera necesario cubrir esta baixa laboral, se ten previsto tomar accións para resolver a falta de dito facultativo e se no caso de non telo previsto, cal é o motivo. Os socialistas ourensáns tamén anuncian que seguirán loitando por unha sanidade “digna, de calidade e que dea cobertura eficaz a toda a veciñanza da provincia de Ourense”.