concellos Denuncias

Os socialistas de Pereiro denuncian que a sinalización na Tapada de Bouzas non cumpre a normativa

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO DE AGUIAR DENUNCIA QUE A SINALIZACIÓN VIARIA DA URBANIZACIÓN TAPADA DE BOUZAS ESTÁ CADUCADA E NON CUMPRE COA NOVA NORMATIVA DE SEGURIDADE

Aseguran que “despois de case 20 anos da construción da urbanización, as sinais viarias non foron substituídas” e lembran que os parámetros internacionais aconsellan renovalas cada sete anos

Piden que o Concello adapte a sinalización das vías de Tapada de Bouzas aos novos límites de velocidade de 20 km/h rúas co plataforma única da calzada e beiraŕúa, e 30 km/h nas rúas dun único carril por sentido, que vén de entrar en vigor o pasado día 11 de maio

Pereiro de Aguiar, 22 de maio de 2021. O grupo municipal do PSdeG-PSOE en Pereiro de Aguiar denuncia a “evidente deterioración” da sinalización na urbanización de Tapada de Bouzas e solicítalle ao Concello que proceda a repoñer e adaptar as sinais aos novos límites de velocidade establecidos no novo regulamento de circulación, co fin de mellorar a seguridade dos peóns.

Así, o fixeron constar nun escrito de solicitude remitido ao Concello de Pereiro, no que sinalan tanto a necesidade de adaptación da sinalización existente como o avanzado estado de desgaste que sofren moitas destas sinais no termo municipal, e concretamente na urbanización de Tapada de Bouzas.

“Malia que os novos límites de velocidade son coñecidos dende a súa publicación no BOE hai seis meses, a súa entrada en vigor produciuse o pasado día 11 de maio, polo que consideramos é precisa unha adaptación exhaustiva de todos os elementos de sinalización, co obxectivo de garantir o cumprimento da nova normativa”, subliñan.

Así mesmo, os socialistas aseguran que “despois de case 20 anos da construción desta urbanización, as sinais viarias non foron substituídas”, polo que denuncian que o Concello está incumprindo os parámetros internacionais que aconsellan renovalas aos sete anos da súa fabricación por mor da vida do material reflector. 

“A sinalización de Tapada de Bouzas atópase caducada, e ademais non cumpre cos novos límites de velocidade da nova normativa de seguridade viaria, polo que consideramos primordial que o Concello de Pereiro renove estas sinais de forma urxente”, conclúen.