Concello de Ourense Política municipal

Valoramos positivamente as proxeccións demoscópicas: “Estamos en condicións de acadar unha maioría máis ampla”

O PSDEG-PSOE VALORA POSITIVAMENTE AS PROXECCIÓNS DEMOSCÓPICAS: “ESTAMOS EN CONDICIÓNS DE ACADAR UNHA MAIORÍA MÁIS AMPLA E DARLLE A OURENSE UN GOBERNO ESTABLE”

Os socialistas aseguran que a enquisa publicada polo xornal La Voz de Galicia evidencia que o PSdeG-PSOE é “a primeira forza da cidade” e tamén o partido preferido por todos os xéneros e grupos de idade

Destacan que o partido medraría catro puntos en intención de voto, ampliando considerablemente a distancia co resto de forzas políticas municipais, especialmente con Democracia Ourensana

Ourense, 23 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense valora positivamente as proxeccións demoscópicas publicadas polo xornal La Voz de Galicia, que “evidencian que o PSdeG-PSOE é, con claridade, a primeira forza da cidade en intención e estimación de voto, sendo o partido preferido polos votantes de todos os xéneros e grupos de idade que participaron na enquisa”.

“Estamos en condicións de acadar unha maioría máis ampla que a actual e de darlle á cidade de Ourense un goberno estable que a rescate da parálise”, aseguran dende o grupo municipal socialista, ao tempo que sinalan que “esta estabilidade xa se está a demostrar nas votacións plenarias do actual mandato”.

Así, os socialistas destacan que o PSdeG-PSOE de Ourense é o partido que máis sube en intención de voto a respecto dos comicios municipais de 2019 –cun incremento de 4 puntos, ao pasar do 26,4% ao 30,4%–, ampliando considerablemente a distancia co resto de forzas políticas municipais.

Concretamente, remarcan os case 7 puntos de diferenza con DO, pasando dos 4,9 puntos de distancia nas anteriores municipais aos 11,7 segundo as proxeccións de Sondaxe para 2023. Tamén destacan a distancia co Partido Popular, que pasaría dos 3,8 puntos de diferencia aos 5,2, un incremento de 1,4 puntos; así como de Ciudadanos, que pasaría de estar a 17,7 puntos dos socialistas a estalo a 23; e do BNG, cuxa diferencia co Partido Socialista fora de 20,1 puntos no 2019 e, segundo a enquisa, se incrementaría ata os 22,1 nos seguintes comicios.