Concello de Ourense INICIATIVAS

Esiximos que o Concello de Ourense retome as concentracións contra a violencia machista e dote de persoal o CIMM

O PSDEG-PSOE ESIXE QUE O CONCELLO DE OURENSE RETOME AS CONCENTRACIÓNS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E QUE SE DOTE O CENTRO DE INFORMACIÓN ÁS MULLERES DO PERSOAL NECESARIO

Os socialistas expresan a súa máis fonda repulsa ante a ondada de asasinatos machistas a pasada semana e condenan “a pasividade e silencio cómplice” do goberno municipal

Aseguran que, a excepción de Ourense, todas as cidades galegas manteñen concentracións mensuais contra a violencia machista “ao aire libre e con distancia de seguridade”

Ourense, 25 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE condena “a pasividade e silencio cómplice” do goberno municipal despois dunha semana negra na que o machismo lle arrebatou a vida a cinco mulleres e un neno en España, e esixe que o Concello de Ourense retome “con carácter inmediato” as concentracións contra a violencia machista que o microgoberno de Jácome “suspendeu de xeito caprichoso coa escusa da pandemia hai case un ano”.

 “A semana pasada foi a máis tráxica no que vai de ano en número de vítimas de violencia machista. Os socialistas expresamos a nosa máis fonda repulsa ante esta nova ondada de asasinatos e esiximos que o Concello de Ourense deixe de mirar cara a outro lado e poña en marcha medidas tanxibles para visibilizar as vítimas e concienciar a sociedade”, sinalan dende o grupo municipal socialista.

campana violencia machista

Os socialistas aseguran que, a excepción de Ourense, todas as cidades galegas manteñen, dende hai meses, concentracións contra a violencia machista “ao aire libre e con distancia de seguridade”, polo que subliñan que a decisión do goberno municipal de suspender estes actos “non ten nada que ver coa Covid”, senón que responde ás políticas de desmantelamento dos servizos de igualdade e de atención á muller dos últimos seis anos na cidade das Burgas.

Neste sentido, os socialistas volven reclamar que o executivo local dote o Centro Municipal de Información ás Mulleres (CIMM) dos recursos e persoal necesarios para poder desenvolver o seu “imprescindible labor de atención e acompañamento das vítimas da violencia machista”.

Saúdos.