Deputación de Ourense INICIATIVAS

A Deputación reclama rebaixar peaxes na autoestrada Santiago-Ourense a iniciativa do PSOE

A DEPUTACIÓN DE OURENSE RECLAMA REBAIXAR AS PEAXES DA AUTOESTRADA AP-53, GRAZAS A UNHA INICIATIVA DO PSDEG-PSOE PARA “NON MARXINAR AO INTERIOR DE GALICIA”

Villarino explicou que “este acordo debería suscitar unanimidade” porque “é normal que pidamos algo así todos e todas os que queremos impulsar o desenvolvemento de Ourense”

Ourense, 28 de maio de 2021. A Deputación de Ourense acordou hoxe reclamar ao Goberno central a rebaixa das peaxes da autoestrada AP-53, que une as provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña, grazas a unha iniciativa do PSdeG-PSOE para “non marxinar ao interior de Galicia”, ante a inminente redución de prezos na AP-9. Tamén foi aprobado un acordo para que a Xunta reclame a súa transferencia á comunidade autónoma. Igualmente, o pleno acordou instar a La Moncloa a “renunciar a calquera medida que implique o establecemento de sistemas de pago nas estradas”.

O voceiro, Rafa Villarino, dixo que “este acordo debería suscitar unanimidade” porque “é normal que pidamos algo así todos e todas os que queremos o desenvolvemento de Ourense”. “Estamos ante unha autoestrada que vertebra o interior e a rebaixa suporía practicar o reequilibrio territorial que non se está a cumprir”, dixo antes de explicar que, segundo cálculos dos socialistas, precísanse 3,6 millóns anuais para bonificacións similares ás da AP-9.

“Na actualidade é unha das estradas máis caras do Estado, situándose no podio do custe por quilómetro e, ademais, tamén é unha das poucas que non conta con ningún tipo de desconto”, salientou o líder socialista, quen tamén explicou como o tramo libre de peaxe por Ourense duplica en intensidade media diaria de vehículos ao tramo con peaxe. Na actualidade, unha trintena de vías similares abaratan as peaxes, polo tanto, o que demanda o PSdeG-PSOE ourensán, di Villarino, “é trato igualitario”.

Rafa Villarino durante o pleno

A AP-53 e a AG-53 conforman a única autoestrada que une tres das catro provincias de Galicia, o que a converte nun “eixo clave” para as comunicacións de toda a comunidade. O importe da peaxe imposta polo goberno de José María Aznar durante 75 anos, o período máximo permitido pola lei, xa ascende na actualidade ata os 6,05 euros para vehículos lixeiros e ata os 10,20 e 12,10 euros para pesados.

Rexeitamento de novas peaxes

Villarino tamén aclara que os e as socialistas de Ourense “rexeitan totalmente” calquera pago polo uso de estradas convencionais e autovías en Galicia, unha cuestión que “descarta” aplicar “nun territorio coas peculiaridades xeográficas e de dispersión poboacional”. “O modelo para Galicia ten que ser xusto o contrario, como amosa as rebaixas ou a supresión de peaxes nalgunhas autoestradas que o actual goberno progresista está a por en marcha”, insisten desde o PSdeG.