concellos Denuncias

Os socialistas de Viana denuncian que PP e BNG só se poñen de acordo para o reparto de soldos

O PSDEG-PSOE DE VIANA CRITICA QUE PP E BNG SÓ SE POÑAN DE ACORDO PARA O REPARTO DE “SOLDIÑOS”, NAMENTRES DESLEIXAN A VECIÑANZA NAS CUESTIÓNS “VITAIS” PARA O MUNICIPIO

A concelleira socialista, María Páez Pérez, amosou a súa postura en contra de aumentar o número de membros na comisión “xa que supón un aumento de gasto para os veciños e veciñas do noso concello”

Viana do Bolo, 29 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo critica a modificación da proporcionalidade dos membros das comisións informativas de asuntos do pleno e da comisión informática de facenda e especial de contas alegando que supón un incremento “considerable” para as arcas públicas do Concello. Os socialistas critican que PP e BNG só se poñen de acordo para o reparto de “soldiños” namentres desleixan a veciñanza con desacordos en cuestións “vitais” para Viana.

Durante o debate en sesión plenaria, a concelleira socialista, María Páez Pérez, manifestou que o Concello “é de todos os veciños e veciñas de Viana do Bolo” e sinalou que “canto menos gasto teña, mellor para a veciñanza”. Páez tamén apuntou que o aumento a 8 membros en cada comisión “suponlle ao Concello un gasto de 400 euros por cada unha que se celebre”.

A concelleira socialista tamén puxo o foco na “dificultade continua” de PP e BNG para “pórse de acordo en todo” e subliñou que “cando se trata de repartir cartos, póñense de acordo moi facilmente de xeito inmediato”. Os socialistas manifestan tamén que a proporcionalidade “xa estaba asegurada coa anterior organización” polo que se preguntan “para que se aumentan?, para cobrar?”.

Páez aproveitou tamén para lembrarlles aos concelleiros do Partido Popular e BNG que esta non é a primeira vez que se poñen de acordo en temas relacionados con cargos, apuntando que “cando se aumentaron as dietas de 50 a 100 euros co voto en contra do PSOE, vostedes tamén estiveron de acordo”.