concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Pereiro queren impulsar a construción dun parque público en Tibiás

O PSDEG-PSOE DE PEREIRO INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A CREACIÓN DUN PARQUE PÚBLICO CON ZONAS DEPORTIVAS, XOGOS INFANTÍS E ZONAS VERDES NO LUGAR DE VIÑA, EN TIBIÁS

Os socialistas pídenlle ao Concello a que proceda a iniciar os trámites coa Diocese de Ourense, propietaria do terreo, para a consecución dun convenio de cesión sobre a devandita parcela

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que a parcela se atopa nunha situación de “total abandono” con numerosas fochancas que son “un perigo para calquera persoa que se achegue a parcela”

Pereiro de Aguiar, 30 de maio de 2021. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal na que insta ao Concello a que proceda a iniciar os trámites oportunos coa Diocese de Ourense en aras da consecución dun convenio de cesión de uso sobre unha parcela xunto a estrada de Tibias ao pobo de Pelouriño, no lugar de Viña, preto da Igrexa de San Bernardo de Tibiás, para posteriormente crear un parque público con zonas deportivas, xogos infantís e zonas verdes.

Os socialistas pídenlle ao goberno municipal que proceda a iniciar “coa maior brevidade” os trámites oportunos coa Diocese e conseguir deste xeito a cesión da devandita parcela. Tal e como manifestan dende o Grupo Municipal Socialista, esta parcela está equipada con porterías de fútbol e canastras de baloncesto, “en evidente estado de deterioro”. Ademais, sinalan que hai varias fochancas e buracos ao longo do terreo que “son un perigo para calquera persoa que acceda ao lugar”.

Apuntan tamén a que na parcela, as fochancas e buracos “atópanse tapados con pedras ou palés, o que supón “un grave risco para a seguridade da veciñanza” e manifestan tamén que a maleza “creceu e atópase sen limpar, estando próxima a varias vivendas, o que supón un risco engadido en caso de posibles incendios”.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que ante o estado de “total abandono” da parcela, sería unha boa iniciativa acadar unha cesión para que o Concello “proceda a súa adecuación e limpeza, de xeito que se poida empregar para o seu uso público como zona deportiva e espazo verde, que xa tivo na súa orixe uso compatible co chan rural no que se localiza e que ademais podería ser desfrutada por tódolos veciños e veciñas, especialmente polas crianzas e os mozos e mozas da parroquia de Tibiás”.

Os socialistas apuntan a que “unha solución ao abandono” sería a cesión de uso da parcela ao Concello de Pereiro de Aguiar por parte da Diocese de Ourense. O obxectivo segundo manifestan dende o PSdeG-PSOE sería que a Diocese “puxera a disposición dos veciños e veciñas o citado terreo, redundando no seu beneficio e da poboación”.