Concello de Ourense INICIATIVAS

Esixímoslle ao bigoberno máxima transparencia nas obras da Praza de Abastos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESÍXELLE AO BIGOBERNO DE JÁCOME E O PP “MÁXIMA TRANSPARENCIA” EN RELACIÓN AS OBRAS DA PRAZA DE ABASTOS E QUE SE CONVOQUE A COMISIÓN DE SEGUIMENTO

Os socialistas denuncian que a comisión foi paralizada por Jácome ao inicio do seu mandato e esixen coñecer o estado no que se atopan as alegacións ante a posible perda da subvención

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén amosan o seu “total apoio” aos comerciantes da Praza e maniféstanlles que “seguirán a loitar por unha praza cuns servizos acordes as súas demandas”

Ourense, 13 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense quere coñecer en que situación se atopa nestes momentos as obras de reforma da Praza de Abastos, motivo polo que lle solicitan ao bigoberno de Jácome e o Partido Popular “máxima transparencia” e que aclaren a situación na que se atopa arestora estas obras. Os socialistas solicitan, novamente, que se convoque a comisión de seguimento, que foi paralizada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome ao inicio do seu mandato.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén esixen coñecer en que estado se atopan as alegacións ante a posible perda da subvención e se estas foron presentadas. Manifestan que “o silencio do goberno municipal preocúpanos porque parece que se está tentando ocultar a xestión dunha reforma dun edificio público” e tamén apuntan a que os praceiros e as praceiras “teñen unha profunda preocupación por que acontecerá coa Praza de Abastos”.

Trala xunta de área celebrada esta mesma mañá, os socialistas manifestan que a concellería de Comercio “camiña a deriva” e relatan que o alcalde “non ten interese ningún pola Praza de Abastos, tal e como quedou de manifesto na propia xunta de área na que non respondeu ás preguntas dos socialistas, manifestando deste xeito que non está ao día do que acontece coa reforma da praza.

Os socialistas avogan porque se estableza o modelo de explotación de forma “consensuada” tanto cos comerciantes da Praza como co resto de grupos políticos. Consideran que “é imprescindible sentarse nunha mesa de diálogo a analizar a situación actual da praza e chegar aos acordos necesarios para que a explotación dos postos sexa o máis axeitado para os e as comerciantes”.

Entre as demandas dos socialistas tamén se atopan coñecer o estado dos proxectos da segunda fase de rehabilitación do edificio e da súa contorna ou os encargos realizados e informes técnicos sobre a posible instalación dunha piscina termal nos baixos da praza, tal e como anunciou o rexedor da cidade en numerosas ocasións.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense resulta tamén de “vital importancia” coñecer a posición do Partido Popular en realización a este proxecto, e tralo seu regreso ao goberno municipal e a cesión das súas antigas competencias en materia de comercio ao alcalde. “Os populares teñen moito que aclarar e agardemos non ter que seguir máis tempo inmersos no silencio institucional de Jácome co aplauso cómplice do PP e que dean as explicacións que os socialistas demandamos e que tamén demandan tanto a cidadanía como os comerciantes da Praza de Abastos”.

Por último, dende o Grupo Municipal Socialista, concordan co escrito presentado polos comerciantes asociados do mercado de Abastos número un de Ourense diante do Concello e trasládanlles o seu “total apoio as reivindicacións”, manifestándolles que “seguiremos a loitar porque a Praza de Abastos teña os servizos que merece e por un proxecto acorde as demandas dos comerciantes, que son o motor deste edificio tan emblemático da nosa cidade”.