O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESÍXELLE AO PP QUE ROMPA O SEU PACTO CON JÁCOME E SINÁLALLES QUE AÍNDA ESTÁN A TEMPO DE EVITARLLE UN NOVO “BOCHORNO” POLÍTICO Á CIDADE DE OURENSE
Os socialistas fan fincapé en que a xuíza “ve indicios de delito” e tamén resaltan a súa decisión de derivar as contas de Democracia Ourensana ao Tribunal de Contas para o seu exame “exhaustivo”
Villarino pídelle ao PP que “non traizoe á cidadanía de Ourense sendo cómplices de Jácome” e que “asinen” unha moción de censura para retiralo da alcaldía e esíxelle a Pérez Jácome a súa “dimisión”
Ourense, 13 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao Partido Popular que rompa de xeito “inmediato” o seu pacto de goberno con Gonzalo Pérez Jácome, despois de coñecerse que o Xulgado de Instrución número 3 de Ourense concluíu que hai indicios de malversación na xestión de fondos de Democracia Ourensana e tras decretar que se deixe sen efecto o sobresemento da causa sobre as presuntas irregularidades na xestión da formación política do alcalde.
Ante a extrema gravidade destes feitos os socialistas sinálanlle ao Partido Popular que “aínda están a tempo de evitarlle un novo bochorno político á cidade de Ourense, asinando unha moción de censura”. Tras coñecerse o auto da xuíza, o PSdeG-PSOE de Ourense considera que o PP “non pode seguir nin un minuto máis nun goberno de coalición con Jácome” e apuntan tamén a que “os mesmos motivos que no seu día os levaron a abandonar o goberno municipal sen uns indicios tan sólidos, non poden ser agora a súa escusa para seguir neste bigoberno con Jácome”.
Os socialistas fan fincapé en que a xuíza instrutora do caso “ve indicios de delito” e tamén resaltan a súa decisión de derivar as contas de Democracia Ourensana ao Tribunal de Contas para o seu exame “exhaustivo” e para que no caso de que existan irregularidades, teñan que devolverse todos os cartos “indebidamente gastados”.
Para o voceiro socialista, Rafael Rodríguez Villarino, o auto xudicial deixa claro que o PP “ten que decidir se quere seguir a ser unha mera comparsa de Democracia Ourensana, e ademais cómplice dun alcalde que está agora mesmo sometido o escrutinio da xustiza, ou se quere poñerse a traballar a prol da cidadanía”. O líder do PSdeG-PSOE en Ourense tamén cree que o PP “non pode contradicirse cos seus discursos e manter ambos” e pídelles que “non traizoen unha vez máis a cidadanía” e que “asinen” unha moción de censura.
En relación ao alcalde Gonzalo Pérez Jácome, Rodríguez Villarino afirma que o delito de malversación “é un delito que inhabilita por completo a calquera xestor público”, motivo polo que afirma “estaremos moi atentos do que decide a xustiza”. O voceiro municipal socialista sinala tamén que o alcalde “non pode seguir nin un minuto máis ao fronte da cidade de Ourense”, pídelle a Jácome que “dimita”, pero tamén fai fincapé en que “todos e todas sabemos que a súa teima persoal vai facer que incumpra esta necesaria tarefa como é a súa dimisión”.
No auto, a instrutora considera que hai indicios “racionais” da posible comisión dun delito de malversación. Así, destaca as declaracións das testemuñas que relatan “a observación nas contas de saídas de cartos con destino a contas persoais do alcalde de Ourense e a contratación dunha persoa para a realización das mesmas funcións para o Concello, a Deputación e Jolper”. Ademais, destaca “a confusión de patrimonios que resulta da declaración dun exasesor e os requirimentos do Tribunal de Contas, así como da declaración doutro exasesor, que asegura que o alcalde lle dixo que había unha débeda de Auria Televisión de 60.000 euros”. A todo iso, segundo a xuíza, “engádese que das contas non resulta a xustificación dos múltiples pagos efectuados por canto contablemente fanse constar cantidades cuxa existencia non consta”.