Concello de Ourense INICIATIVAS

Avogamos por traballar conxuntamente nas ordenanzas anti-botellón, ruídos e veladores

O PSDEG-PSOE DE OURENSE AVOGA POR UN TRABALLO “CONXUNTO” NA ORDENANZA ANTI-BOTELLÓN, DE RÚIDOS E DE VELADORES E DESTACAN A IMPORTANCIA DE PLANES “INTERDISCIPLINARIOS”

Os socialistas recalcan a importancia de sacar adiante un documento que leva “demasiados anos paralizado” e comezar a traballar para “educar en valores saudables e alternativas de ocio seguras”

Avogan por implicar as concellerías de sanidade, educación, cultura, mocidade ou deporte no traballo “conxunto” e tamén ao consello municipal de infancia e xuventude para que “participe” a cidadanía e a oposición “vetada” ata o momento no mesmo

Ourense, 14 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense considera que é “moi importante” traballar de forma conxunta nas ordenanzas anti-botellón, de ruídos e de veladores e avogan por planes interdisciplinarios desde cada concellería implicada nestes temas. Esta valoración chega trala celebración esta mañá da reunión da comisión de traballo para elaborar a ordenanza reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda e publicidade do alcohol.

Nesta primeira reunión os socialistas recalcan a importancia de sacar adiante un documento que leva “demasiados anos paralizado” e comezar a traballar para regular o tema do consumo de alcohol nas rúas. Remarcan dende o Grupo Municipal Socialista que a lexislación e a sanción xa está contemplada na normativa autonómica, pero “necesitamos unha ordenanza municipal no noso termo municipal para educar en valores saudables e alternativas de ocio”. Por este motivo, os socialistas fan un chamamento as concellerías implicadas (sanidade, educación, xuventude, deporte ou cultura) a que “empecen a traballar de xeito conxunto”.

A concelleira socialista, Concha García Lozano, subliñou ao final da reunión a “importancia” de ter en conta os planes interdisciplinarios desde cada concellería, e así llo fixo saber a concelleira Eugenia Díaz Abella e o concelleiro Telmo Ucha. A socialista apuntou tamén a que de non traballar paralelamente neste senso “vamos a ter unha ordenanza con moito compoñente, pero sen contido, xa que hai moito traballo que facer desde concellerías como cultura, deporte, mocidade, educación ou sanidade”.

García tamén amosou a súa preocupación polas declaracións do concelleiro de Democracia Ourensana, Telmo Ucha, que alegou que “non vía importante traballar de xeito conxunto e avogaba por avanzar máis lentamente”. García Lozano lembroulle a importancia dun “avance conxunto nas ordenanzas de ruídos, anti-botellón e veladores” e tamén lles pediu que nas próximas reunións estivese presente o representante da concellería de comercio, Gonzalo Pérez Jácome, ausente no día de hoxe.

Unha ordenanza que para o PSdeG-PSOE de Ourense “é vital e moi importante tanto para os hostaleiros da cidade como para toda a veciñanza”. Os socialistas tamén avogan porque se aproveiten consellos municipais como o da infancia e mocidade para “falar e transmitir” á cidadanía a necesidade da súa “participación activa” neste tema e tamén apuntan a que “hai que sacar a ordenanza, pero con contido real e que sexa útil e sirva á cidade de Ourense”. Os socialistas lembran que a oposición “está vetada nestes consello e non se nos permite participar activamente na toma de decisións”, motivo polo que lle esixen ao goberno municipal a “mudar esta situación”

Os socialistas tamén apostan pola “necesidade” de traballar nunha ordenanza reguladora da publicidade exterior no termo municipal e consideran “imprescindible” traballar neste senso e regular a publicidade exterior. A vindeira xuntanza da comisión terá lugar o vindeiro mércores e dende o PSdeG-PSOE ourensán agardan “seguir avanzando” nesta ordenanza reguladora da convivencia cívica e a protección da saúde derivada do consumo, venda e publicidade do alcohol.