O PSDEG-PSOE DE A VEIGA DENUNCIA QUE O ALCALDE JUAN ANTA TRATA DE “AMORDAZAR” Á OPOSICIÓN CONVOCANDO UN PLENO QUE CORRESPONDÍA AO MES DE XUÑO DUN DÍA PARA OUTRO
Os socialistas critican que o grupo de goberno do Partido Popular leve dende abril sen convocar plenos ordinarios e que o faga sen cumprir o acordado que era que se celebraran os venres ás 20:00 horas
O voceiro do PSdeG en A Veiga, Francisco Fernández Yáñez, considera que esta actitude do rexedor do PP “é unha falta de respecto tanto á oposición como a propia institución municipal e a veciñanza”
Ourense, 14 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de A Veiga denuncia que o alcalde do municipio, o popular Juan Anta, vén de convocar un pleno municipal ordinario esta mesma mañá para a súa celebración mañá xoves as 19:00 horas. Os socialistas critican que non se avise con tempo da convocatoria deste pleno ordinario que xa se tería que ter celebrado o pasado 25 de xuño e acusan ao rexedor de tentar “amordazar” á oposición e evitar que presente propostas no mesmo.
Os socialistas tamén critican que o alcalde volva a incumprir novamente o acordado no pleno de organización celebrado o 19 de xullo de 2019 e a vista do disposto na Lei de Administración Local de Galicia, cando quedou fixado que os plenos se celebrarían os venres a partir das 20:00 horas, situación que non se cumprirá no pleno ordinario que se celebrará mañá xoves ás 19:00 horas. Dende o seno do PSdeG-PSOE en A Veiga denuncian tamén que “esta xa é a segunda vez que Juan Anta incumpre o acordado en sesión plenaria”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en A Veiga, Fernando Fernández Yáñez, considera que esta actitude do rexedor do PP “é unha falta de respecto tanto á oposición como a propia institución municipal e a veciñanza”. O socialista fai fincapé en que o alcalde “debe pensar que contar con maioría na corporación municipal, permítelle facer o que queira e non render contas da súa xestión ante a oposición e tamén ante a cidadanía”.
Fernández Yáñez lamenta que “tras esperar varios meses pola celebración dun pleno ordinario que demorou sen dar explicacións, agora nos atopemos que se nos convoca dun día para outro para a celebración da sesión”. Tamén lle advirte ao rexedor que de “persistir nesta actitude, verémonos obrigados a recorrer a instancias superiores para facer que se cumpra a lei”.
Os socialistas tamén apuntan a que dende o equipo de goberno municipal aínda non se deron as explicacións das razóns polas que non se convocou o pleno no mes de xuño “en tempo e forma” e denuncian que o PP queira agora celebrar un pleno “as presas, sen o tempo pertinente para a súa convocatoria e co único fin de silenciar a labor da oposición”.