O PSdeG-PSOE DE OURENSE participa nun emotivo acto en lembranza de Manuel Suárez, alcalde socialista represalidado, AO CUMPRÍRENSE 84 anos do seu fusilamento
Os socialistas de Ourense hornaron a memoria do primeiro rexedor de Ourense nun acto celebrado ao pé da igrexa de Santa María Nai, ao que tamén asistiu Dolores Suárez, filla do alcalde mártir
Como nota distintiva, a homenaxe xirou arredor da especial vinculación de Ourense co ferrocarril, do que foi impulsor Suárez, e das achegas do Partido Socialista para lograr o seu desenvolvemento
Ourense, 28 de xullo de 2021. Os socialistas de Ourense realizaron este serán un emotivo acto en lembranza de Manuel Suárez, alcalde socialista represaliado, ao que asistiu a súa filla, Dolores Suárez, ademais de integrantes das Xuventudes Socialistas e representantes sindicais de UGT. A tradicional homenaxe en memoria do primeiro rexedor de Ourense, organizada polo PSdeG-PSOE, celebrouse ao pé da igrexa de Santa María Nai e ao carón da Casa Consistorial, nunha xornada na que se cumpren 84 anos do asasinato de Suárez por parte das tropas franquistas.
Como nota distintiva, este ano a homenaxe xirou arredor da especial vinculación de Ourense co ferrocarril, do que foi destacado impulsor Suárez. Así, os socialistas puxeron en valor as achegas que o Partido Socialista leva feito de cara a lograr o seu pleno desenvolvemento na cidade ao tempo que reivindicaron a necesidade de “seguir loitando” para dar continuidade ao legado do alcalde e lograr que Ourense teña “un tren digno”.
No acto, que contou coa proxección de vídeos das bisnetas do primeiro rexedor da cidade, interviñeron o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; o secretario provincial e voceiro municipal, Rafa Villarino; a concelleira Natalia González; o secretario xeral das Xuventudes Socialistas en Ourense, Xurxo Doval; e o secretario de Organización de UGT, José Luís Fernández Celis. Ademais, no deseño do protocolo do acto participaron Xosé Lois Carrión, o xornalista e neto de Leuter González –tenente alcalde de Ourense na República–, e Maite Ansias, militante socialista. Todos eles coincidiron en salientar a figura de Suárez como líder imprescindible do socialismo e do sindicalismo ourensán.
Logo de gardar un minuto de silencio, os participantes na homenaxe remataron o acto facendo entrega dun ramo de rosas á filla de Manuel Suárez.
Manuel Suárez: o alcalde mártir
Manuel Suárez naceu en Ourense en outubro de 1890. Foi canteiro e mestre de obras, e exerceu un destacado activismo social que o puxo á fronte da alcaldía da capital das Burgas no 1936. A súa traxectoria política estivo ligada á defensa dos dereitos dos traballadores, loita contra o caciquismo e ao progreso económico, social e democrático da cidade, impulsando a chegada do ferrocarril a Ourense.
Fusilado no ano 1937, despois de permanecer oculto durante un tempo, foi nomeado fillo predilecto e preceptor da Medalla de Ouro da cidade no ano 2009 polo anterior goberno socialista, ao cumprírense 72 anos do seu fusilamento polas tropas franquistas.