Concello de Ourense INICIATIVAS

Instamos á Xunta e á Deputación a lanzar unha campaña conxunta de promoción da Vía da Prata

o psdeg-psoe de ourense insta á deputación e á xunta a lanzar unha campaña conxunta de promoción da vía da prata aproveitando o xacobeo bianual e a chegada do ave

Sinalan que a pandemia agravou a situación de crise que padecía este tramo do Camiño de Santiago, que “conta coa menor demanda de peregrinos en relación ao resto de alternativas xacobeas”

“En abril de 2017 e 2018 escolleron esta vía un 3,45 % dos peregrinos de Galicia, mentres que unha década atrás as cifras rondaban o 6 %”, detallan na moción que levarán ao vindeiro pleno municipal

Ourense, 28 de xullo de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha iniciativa que o grupo municipal levará ao pleno extraordinario do Concello de Ourense para instar á Deputación Provincial e á Xunta de Galicia a lanzar unha campaña conxunta de promoción da Vía da Prata co dobre obxectivo de deter “alarmante sangría de peregrinos” que padece este tramo do Camiño de Santiago e aproveitar tanto o “tirón turístico” do Xacobeo extraordinario 2021-2022 como a inminente chegada do AVE a Ourense.

“Cando estamos a pouco máis de 100 días de que chegue o AVE a Ourense, e cun Xacobeo extraordinario de fondo, nin o Concello, nin a Xunta nin a Deputación de Ourense están facendo absolutamente nada por poñer en valor esta ruta”, lamentou o concelleiro socialista Javier Rey, quen fixo fincapé na necesidade de reactivar o sector turístico dende as administracións, posto que “supón un 10 % do PIB do concello e da provincia”.

De esquerda a dereita: Rafael Villarino, Juan Carlos Francisco, Javier Rey, Xosé Rúas e Rosa Martínez.

“Está claro que a pandemia afectou ás cifras do turismo, pero temos unha oportunidade única de impulsar un sector lastrado grazas á deferencia do Vaticano, que permitiu que os beneficios relixiosos do Xubileo se prorrogasen durante o ano 2022 debido ás circunstancias especiais da crise sanitaria”, salientou o concelleiro socialista, quen detallou que esta circunstancia só ten dous precedentes históricos, un en 1885 e outro en plena Guerra Civil, no ano 1937. 

Ademais, Rey destacou que, coa chegada da alta velocidade, “vamos ter a oportunidade de pór a 10 millóns de persoas de toda España e Europa a 2 horas de Ourense”, ao tempo que lamentou que as administracións local, provincial e autonómica “non están nin se lles espera”.

“Onte preguntámoslle en xunta de área a Flora Moure que tiñan pensado facer con respecto á programación do Xacobeo e á Vía da Prata, e a súa resposta foi que non sabía absolutamente nada”, asegurou o socialista, quen tachou esta situación de “indignante” e defendeu que a programación do Xacobeo “debería ser equitativa e en beneficio de todos os territorios”.

A Vía da Prata: o camiño minguante

No texto da moción que defenderán o vindeiro martes, os socialistas sinalan que a pandemia agravou a “preocupante situación de crise” que padecía este tramo do Camiño de Santiago, que malia permitir obter a Compostela, “conta coa menor demanda de peregrinos en relación ao resto de alternativas xacobeas” e foi “o único roteiro que perdeu peregrinos tanto na Semana Santa como no verán de 2019”.

Neste sentido, o concelleiro Javier Rey asegurou que nos últimos anos a Vía da Prata non deixou de perder progresivamente peso porcentual a respecto doutras rutas, e exemplificou que hai unha década chegaban a Compostela a través deste camiño máis peregrinos dos que o fan hoxe en día. Concretamente, segundo fan constar na inciativa, “en abril de 2017 e 2018 escolleron esta vía un 3,45 % dos peregrinos de Galicia, mentres que unha década atrás as cifras rondaban o 6 %”.

“Falta de establecementos de restauración, demasiados tramos por estrada, problemas coa sinalización” son algunhas das críticas dos peregrinos sobre este camiño, segundo recollen os socialistas, que apuntan directamente Feijoo como culpable da perda de peregrinos nesta ruta, xunto coa falta de ambición e iniciativa por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Neste sentido, o voceiro socialista, Rafa Villarino, esixiu que a Xunta dea “explicacións” do abandono desta ruta, e censurou que incluso se chegase a “eliminar a sinalización que tiña previsto instalarse nesa zona”. Así mesmo, fixo alusión á responsabilidade de Jácome, do que criticou que se lamente do abandono que sofre a terceira cidade galega pero “non faga nada por cambialo”.

“Lembremos que o alcalde está cogobernando co Partido Popular. Nós pedímoslle un modelo de turismo, posto que esta é unha cidade de servizos” defendeu, ao tempo que reclamou un “cambio radical nas políticas de turismo da Xunta para poñer en valor Ourense”.