Denuncias Deputación de Ourense

PP, DO e Lama en contra de que a Deputación cumpla o acordado no pleno

O PP, DO E A TRÁNSFUGA MONTSE LAMA VOTAN EN CONTRA DE QUE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE CUMPRA COS ACORDOS ADOPTADOS POLO PLENO

Catorce votos en contra que segundo os socialistas “amosa a falta de compromiso para traballar, mellorar a calidade de vida da veciñanza e as infraestruturas provinciais para que a provincia funcione mellor”

Villarino afirmou que o día que o Partido Popular “deixe de gobernar esta provincia, haberá fondos equitativos para todos, democracia na provincia e futuro para Ourense e as súas xentes”

Ourense, 30 de xullo de 2021. Durante o debate da moción socialista sobre os reiterados incumprimentos dos acordos plenarios na Deputación de Ourense por parte do goberno provincial quedou claro que o Partido Popular, con Manuel Baltar ao fronte e a deputada non adscrita, Montse Lama, “fan unha labor obstrucionista” no ente provincial. Catorce votos en contra que segundo os socialistas “amosa a falta de compromiso para traballar, mellorar a calidade de vida da veciñanza e as infraestruturas provinciais para que a provincia funcione mellor”.

O voceiro provincia, Rafael Rodríguez Villarino, foi o encargado de defender a moción, explicando que o PSdeG-PSOE de Ourense “é o grupo que máis iniciativas presenta, polo que ninguén pode dubidar do noso compromiso”. O secretario provincial aproveitou o seu primeiro torno de intervención para relatar que das 8 mocións presentadas polos socialistas e  aprobadas por unanimidade “nin unha soa foi levada a práctica, algo que tamén acontece coas mocións doutros grupos políticos, co debate do estado da provincia ou cos plans provinciais”.

Rodríguez Villarino tamén aproveitou para pedir un “cambio de rumbo” na Deputación, apostando por un goberno “máis produtivo e de colaboración, que leve a práctica os acordos e as mocións aprobadas no pleno”. O líder dos socialistas ourensáns acusou ao goberno de Manuel Baltar de “facer oposición permanente e constante a fiscalización da oposición” e preguntouse “que clase de política fan vostedes?” antes de afirmar que “vai ser épico que voten en contra de levar a práctica as mocións e acordos que se aproban neste plenario”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense finalizou afirmando que o día que o Partido Popular “deixe de gobernar esta provincia, haberá fondos equitativos para todos, democracia na provincia e futuro para Ourense e as súas xentes”.

O PSdeG-PSOE de Ourense instaba na moción á Deputación de Ourense ao cumprimento dos acordos adoptados polo pleno, presentados a través das mocións dos diferentes grupos políticos. Os socialistas denunciaron que o goberno provincial de Manuel Baltar non executa as iniciativas aprobadas polos grupos no pleno, o que amosa con contundencia o “escaso” interese do grupo de goberno polas iniciativas aprobadas no máximo órgano colexiado da institución. Apuntan tamén que a situación se “agrava” debido a “nula” preocupación polas accións de mellora e impulso da provincia de Ourense.