O PSDEG-PSOE OURENSÁN SOLICITA “AMPARO E APOIO” AO MITMA “De ACORDO COA LEGALIDADE VIXENTE”, PARA EVITAR A PERDA DA SUBVENCIÓN ÁS OBRAS DA PRAZA DE ABASTOS DAS BURGAS
González denuncia que o goberno local de Ourense recibiu “un requirimento que parece ser o definitivo, con respecto á xustificación desta subvención” pero “Jácome e o PP calan”
Villarino salienta que rehabilitación está a ser posible “grazas a unha iniciativa do PSOE que hoxe tamén está a mediar” para pedir “paciencia” e “comprensión” co fin de que “a axuda non se perda”
Ourense, 6 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de solicitar “amparo e apoio” a María Callejón, actual subdirectora xeral de Arquitectura e Edificación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), sempre “de acordo coa legalidade vixente”, co fin de que a terceira cidade de Galicia “non perda de maneira definitiva” a subvención millonaria concedida hai xa seis anos para o cofinanciamento das obras de rehabilitación do edificio histórico da praza de abastos das Burgas.
Nunha carta dirixida a María Callejón explican que este “proxecto clave e estratéxico para a cidade” foi remitido polo goberno socialista de Ourense no mandato 2011-2015 e conseguiu un compromiso de cofinanciamento dun 65% do total, por importe de 3,6 millóns. “Diversas circunstancias adversas de carácter técnico, político e mesmo outras provocadas por factores excepcionais” provocaron a “solicitude de distintas prórrogas”.
“A aposta do ministerio pola recuperación do patrimonio histórico é innegable e somos coñecedores da súa predisposición e receptividade, a pesar de todas as dificultades”, salientan tras desvelar que son “coñecedores” de que o actual goberno municipal “enviou as que se presumen como alegacións definitivas previas á aceptación de xustificación definitiva ou solicitude de reintegro final” polo que, insisten, en “pedir de novo compromiso, aposta firme e colaboración na medida do posible”.
A vicevoceira do PSdeG-PSOE na capital, Natalia González, explica que o goberno local recibiu o pasado mes de xullo “un requirimento con respecto á xustificación desta subvención” para “non perder definitivamente un millón e medio de euros do total recibido por parte do Goberno central”. “Tanto Gonzalo Pérez Jácome como o PP calan e non din nada ao respecto”, denuncia a edil tras desvelar que os e as socialistas saben que, desde o Concello, si remitiron novas alegacións. “A desidia deste goberno de Ourense coa finalización da obra e a ampliación do proxecto á súa contorna é alarmante”, insiste.
Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal, Rafa Villarino, cualificou este mercado ourensá como “o máis importante das cidades de Galicia”, cuxa rehabilitación está a ser posible “grazas a unha iniciativa do anterior goberno local PSOE, un partido que hoxe tamén está a mediar” co fin primordial de pedir “paciencia” e “comprensión” para que “desde o ministerio fagan todo o posible para non perder os fondos”. “É unha obra que necesita máis que nunca do apoio do Estado fronte á desidia do PP, que está deixando que Jácome malgaste unha axuda pública”, dixo.
No escrito, os e as socialistas recoñecen o “inestimable apoio do ministerio durante os últimos anos para manter viva” a subvención, “a pesar dos distintos factores e problemas” e tamén manifestan o seu desexo de que “aínda quede algunha esperanza para que non teñamos que renunciar a ela”.
Desde o PSdeG-PSOE insisten en que “a praza de abastos número 1 é un Ben de Interese Cultural que debe ser un referente a nivel local, autonómico e mesmo nacional, polo que consideramos que merece a pena loitar” ante os “riscos que entrañan a falta de apoio e de compromisos financeiros, políticos e institucionais”. Así pois, conclúen que non queren ver “unha obra inconexa, illada e abandonada nuns anos” por culpa do “vergoñento desleixo, desidia e falta de iniciativa de PP e DO con este proxecto”.