O PSDEG-PSOE DE OURENSE REXEITA “ROTUNDAMENTE” RECORTAR AS AUTOVÍAS ENTRE LUGO, OURENSE E PONFERRADA, O QUE SERÍA UNHA “NOVA LABAZADA AO REEQUILIBRIO TERRITORIAL”
“Os galegos, galegas e empresas do interior teñen os mesmos dereitos que os da costa”, sinalan tras recordar que este modelo con carril de adiantamento recorda ás perigosas vías rápidas “xa caducas”
Os socialistas consideran que esta proposta da patronal das grandes construtoras “afondaría aínda máis a fenda no desenvolvemento das provincias interiores” fronte á costa galega
Ourense, 9 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense “rexeita rotundamente” recortar as prestacións das autovías planificadas entre Lugo, Ourense e Ponferrada, ata convertelas en algo similar ao “caduco modelo de vía rápida”, o que suporía unha “nova labazada ao reequilibrio territorial” do interior de Galicia. Así pois, considera que esta proposta da patronal das grandes construtoras (Seopan) “afondaría máis a fenda no desenvolvemento das provincias interiores”, que carecen de algo “tan básico” como “comunicacións óptimas e seguras para o presente e para o próximo século”.
Os socialistas recordan que a mellora das comunicacións “é directamente proporcional á mellora da economía e a demografía”, polo que creen “indispensable” que o interior da comunidade, “historicamente marxinado con respecto as infraestruturas do Eixo Atlántico”, conte con vías coas mesmas prestacións que a costa. “Os galegos, galegas e empresas do interior de Galicia teñen os mesmos dereitos que os da costa”, sinalan.
Tamén salientan a necesidade de executar novas infraestruturas “o máis seguras posibles”, unha condición “indispensable” que as estradas de 2+1 non cumpren ao cen por cento. “Este modelo de estrada con carrís de adiantamento recorda ás cuestionadas vías rápidas que a realidade acreditou como moi perigosas no contexto de Galicia e por iso están a ser desdobradas desde hai anos, co fin de garantir plenamente seguridade e capacidade”, insisten.
Os socialistas conclúen destacando o “compromiso do Goberno central” con estas infraestruturas “coas mellores prestacións posibles”, nas que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) segue a traballar e reclaman “a maior premura posible, logo de sete anos de parálise durante o executivo presidido por Mariano Rajoy”.