O PSDEG-PSOE RECLAMA A BALTAR QUE “SAIA DO TRIÁNGULO FORMADO POLA DEPUTACIÓN, UN HOTEL DA AVENIDA DE BOS AIRES E A CASA DE JÁCOME” TRAS PEDIR UNHA RÚA EN HONRA A BASILIO ÁLVAREZ QUE XA EXISTE
Os socialistas denuncian que o presidente “agochou deliberadamente aos grupos da oposición” esta homenaxe celebrada na parroquia de Beiro, nun novo “alarde do seu egocentrismo antidemocrático”
“Se Baltar tivera convidado ao PSdeG-PSOE ao acto en Beiro, seguramente non houbera metido a zoca” porque “non pisa nunca o barrio da Ponte no que arrasa o PSOE e onde está esa rúa”, salientan
Ourense, 12 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense pide a Manuel Baltar que “saia máis a miúdo” do “triángulo formado pola Deputación Provincial, un hotel da Avenida de Bos Aires e a casa de Gonzalo Pérez Jácome”, tras reclamar unha rúa na capital ourensá en honra a Basilio Álvarez, a pesar de que xa existe unha rúa con ese nome desde hai décadas.
Os socialistas denuncian que o presidente “agochou deliberadamente aos grupos políticos da oposición” esta homenaxe celebrada na parroquia de Beiro, nun novo “alarde do seu egocentrismo antidemocrático”. “Se Baltar tivera convidado ao PSdeG-PSOE ao acto, seguramente non houbera metido a zoca pedindo adicar unha rúa a este intelectual e activista galeguista que xa existe no barrio da Ponte”, un barrio da terceira cidade de Galicia que “o PSOE coñece moi ben porque os socialistas arrasan nel e que o presidente nunca pisa” sinalan.
Desde o PSdeG-PSOE na institución conclúen reclamando ao goberno provincial do PP “máis transparencia e colaboración e menos propaganda”.
