O PSDEG-PSOE DE VILARDEVÓS DENUNCIA QUE O ALCADE PAGOU UNHA ADICACIÓN EXCLUSIVA A UNHA EDIL DO PP DURANTE NOVE MESES POR NON FACER ABSOLUTAMENTE NADA
O voceiro municipal, Julio Prada, denuncia que, tras estes feitos “caciquís e decimonónicos”, queda “claro” que “hai quen vén á política unicamente polos cartos” pero “non para traballar polo ben da vila”
“A concelleira pasou de cobrar por non facer nada a cobrar por facer un traballo impropio” que non debería executar, “xa que son funcións propias de empregados e empregadas públicos” advirte
Ourense, 13 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Vilardevós denuncia que o alcalde do PP, Manuel Cardoso, pagou unha adicación exclusiva a unha das súas concelleiras durante nove meses “por non facer absolutamente nada”, nun evidente “malgasto” dos cartos públicos da vila. Os socialistas deste municipio ourensán destacan que, logo de case un ano “cobrando sen funcións”, o propio rexedor vén de recoñecer “vergoñentamente” que nunca lle atribuíra, ata o de agora, traballo algún a Belén Rigüela.
O voceiro do grupo municipal, Julio Prada, denuncia que, tras estes feitos “caciquís e decimonónicos”, “queda claro que hai quen vén á política unicamente polos cartos” pero “non por ter vocación algunha de servizo público” e “moito menos con ganas de traballar polo ben da vila”. “Con esta manobra, os populares evidencian bochornosamente que só miran polos seus intereses económicos e non polos de todos veciños e veciñas”, advirte o edil socialista antes de sinalar que “a concelleira do PP debería explicar polo miúdo que fixo durante todos estes meses, ademais de estar de brazos cruzados”.
Nun decreto asinado polo alcalde o pasado 5 de agosto, Cardoso recoñece que “certamente naquel acordo” do 3 de decembro do ano pasado “non se estableceu nin se concretaron as competencias e facultades a desenvolver pola concelleira, que pasaba a desempeñar o seu cargo en réxime de adicación exclusiva”. Transcorrido todo este tempo, o alcalde acordou establecer unha delegación da área de “réxime interior e servizos administrativos municipais” na devandita concelleira.
O rexedor faculta agora á concelleira para “acceder ás aplicacións informáticas de xestión municipal, así como ás plataformas da Xunta e da Administración Xeral do Estado por medio das que o concello se relaciona con esas administracións”. Entre os traballos que lle adxudica figuran “a realización de propostas concretas para levar a cabo a xestión das actividades e asuntos” e a “asistencia permanente ao alcalde”.
“Tras nove meses aos biosbardos a costa de todos e todas nós, Rigüela vai exercer agora, se é que o fai realmente, funcións puramente administrativas sendo un cargo político”, grazas “única e exclusivamente a unha decisión partidista, discrecional e a dedo do alcalde”, denuncia Prada quen salienta que neste concello “temos varias vacantes postos de traballo de administrativos que o goberno local do PP non cubre”.
“A concelleira pasou de cobrar por non facer nada a cobrar por facer un traballo impropio” que non debería executar, “xa que son funcións propias de empregados e empregadas públicos” advirte o voceiro do PSdeG-PSOE antes de sinalar que, desde o grupo municipal “pedirán explicacións detalladas” ao goberno local “ante un alarde evidentísimo de mala xestión e amiguismo”. “Quedou claro que as prioridades de Cardoso parece que son dar cartos a concelleiros e concelleiras do seu partido” cunha evidente “falta de transparencia e rendición de contas ao pobo”, conclúe.