O PSDEG-PSOE PROPÓN O ESTUDO DUNHA ALTERNATIVA URBANÍSTICA PARA O TRASLADO E RECUPERACIÓN DOS EDIFICIOS ADQUIRIDOS POLO CONCELLO DE OURENSE NO BARRIO DA PONTE
Os socialistas apostan pola conservación dos dous inmobles, sitos na avenida das Caldas e na rúa Basilio Álvarez, ao consideralos “construcións históricas e senlleiras de gran valor patrimonial”
Instan a PP e DO a pór sobre a mesa a posibilidade de reempregar as estruturas contando coa participación do COAG e dos técnicos municipais para concretar posibles alternativas ao derrubamento
Ourense, 18 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense propón o estudo dunha alternativa urbanística que contemple o traslado e recuperación dos edificios adquiridos polo Concello no barrio da Ponte, co fin de evitar o “simple derrubamento” dos dous inmobles –sitos na avenida das Caldas e na rúa Basilio Álvarez–, que malia non estar catalogados nin seren BIC, están considerados “construcións históricas e senlleiras de gran valor patrimonial”.
Os socialistas apostan así pola rehabilitación e a preservación da herdanza arquitectónica de Ourense para a creación de novas dotacións en parcelas de titularidade municipal, contando como base coa recuperación dos edificios existentes. “Esta acción permitiría impulsar un proxecto de rexeneración urbana ambicioso e centrado na protección e posta en valor do patrimonio ourensán, como xa se está a facer noutras cidades de España e Europa, ou mesmo noutros puntos da cidade”, defenden dende o grupo municipal socialista.
Como exemplos de traslados de bens patrimoniais levados a cabo con éxito en Ourense, os socialistas fan referencia ao recente cambio de localización por parte do Goberno central do cruceiro de Faílde –que “pasaba desapercibido” a carón do Museo Arqueolóxico e agora “preside un espazo con encanto” na rúa Bailén, en pleno casco histórico–; ou a porta do antigo Hospital San Roque –sito na Alameda, que hoxe loce á entrada da Igrexa da Trinidade–.
Así as cousas, os socialistas instan ao goberno de PP e DO a pór sobre a mesa a posibilidade de reempregar as estruturas contando coa participación do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e dos técnicos municipais, co fin de concretar posibles alternativas ao derrubamento de dous inmobles “que foron sedes de populares academias de ensinanza ou aloxamentos e establecementos hosteleiros especialmente concorridos por veciños e turistas chegados doutros lugares durante décadas”.
“Esta inciativa enmárcase dentro dos novos modelos de arquitectura urbana do s. XXI, que apostan claramente pola rehabilitación, a preservación do noso patrimonio e pola integración de distintas formas de construción en diferentes contornas, podendo crear así novos equipamentos ou servizos para a cidadanía con gran valor patrimonial e de referencia no futuro, ao tempo que se optimizan recursos”, sinalan.
Dous inmobles históricos
Dende o grupo municipal socialista lembran que o Concello vén de anunciar publicamente a adquisición destes dous inmobles históricos por un importe de preto de 900.000 euros para, segundo consta no informe técnico, obter os terreos nos que se atopan e destinalo a sistema de espazos libres e xeral viario, en cumprimento do planeamento vixente e do inicialmente aprobado.
Segundo a información dos socialistas, o inmoble de Basilio Álvarez, en chan urbán, consta de dúas plantas destinadas a almacén, e a superficie construída é de 160 metros cadrados sobre unha parcela de 89 metros cadrados. Pola súa banda, o da avenida das Caldas conta cunha planta baixa destinada a usos comerciais, unha primeira planta destinada a vivenda e bufarda destinada a almacén, e ten unha superficie total construída de 442 metros cadrados sobre unha parcela de 277.